Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BANCA ÉTICA

Nace unha nova cooperativa de servizos financeiros

Constituíuse en Santiago de Compostela Coop57 Galiza, que nace co fin de fomentar o aforro solidario e o desenvolvemento de proxectos de economía social.

Redacción - 18:15 02/06/2009
A banca ética parte do principio de solidariedade económica

A banca ética parte do principio de solidariedade económica

Proporcionar préstamos a proxectos de economía social que promoven o emprego, fomentan o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral. Este é o obxectivo que se marca Coop57 Galiza, unha cooperativa de servizos financeiros que acaba de ver a luz en Santiago de Compostela. "É unha iniciativa de ámbito galego que xorde da inquedanza dunha serie de asociacións", explica un dos seus promotores, Ramón Carmelo Rodríguez, "que parte da idea de fomentar a sustentabilidade sobre a base de principios cooperativos, éticos e solidarios".

Esta nova entidade está integrada en Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros creada en 1995 en Barcelona e que funciona xa en Aragón, en Madrid e en Andalucía. "Dende hai xa dous anos, iniciamos o proceso de estudo e de avaliación para promover unha iniciativa semellante aquí", explica Carmelo, "e agora culminámolo con esta nova iniciativa de banca ética, da que forman parte unhas 30 asociacións". Así, fundaméntase en "catro principios fundamentais". O de coherencia, é dicir, que os proxectos financiados non contradigan os nosos conceptos éticos e sociais; o de compatibilidade: facer compatíbel o rendemento social e a viabilidade financeira; o principio de democracia, xa que a participación é fundamental; e o principio de transparencia: garantir a información sobre todos os proxectos financiados, así como as características das operacións. Neste sentido, Carmelo explica que é fundamental manter estes alicerces porque "non tería sentido que prestásemos os nosos cartos á industria de armamentos ou a empresas que violan os dereitos humanos", explica.

Para investir en Galiza
Doutra banda, Carmelo explica que Coop57 Galiza "pretende fomentar a participación das persoas e entidades investidoras e aforradoras, así como promover iniciativas de proximidade, de tal xeito que os recursos e os aforros obtidos no territorio galego se destinen a fomenta o desenvolvemento social, económico e ambiental no noso eido xeográfico".

Ao evento de presentación acudiron representatnes das 16 entidades do ámbito asociativo e cooperativo que actúan como socias de servizos promotoras do proxecto, así como 25 socias colaboradoras, é dicir, persoas físicas ou xurídicas que sen ser destinatarias dos servizos da cooperativa achegan os seus aforros para axudar a financiar os proxectos que se presenten. Con todo, aínda non hai un proxecto definido: "prevemos que en breve nos chegue algunha iniciativa de financiamento das propias entidades socias", explica, "que será avaliada por dúas comisións de seguimento". "Hai que ter en conta", di, "que malia que asumimos unha forma de banca propiamente non o somos, é dicir, non temos licenza do Banco de España nin os aforradores poderían domiciliar a súa nómina". "O noso fundamento é ofrecer un mecanismo coherente entre a defensa cotiá de principios éticos e solidarios e o destino que se lle dá a unha parte dos cartos; queremos promocionar unha fórmula ética, solidaria e autoxestionada de financiamento e ofrecer así unha alternativa á banca tradicional".


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: