Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROTESTAS EN SANTIAGO

A campaña contra incendios está ás portas e nada se sabe do futuro do servizo de extinción

Os traballadores de Seaga pecháronse este xoves na Consellaría de Medio Rural en protesta polo despedimento de 150 compañeiros nos tres últimos meses.

Redacción - 14:00 04/06/2009

Cunha folga prevista para a vindeira semana, os traballadores e representantes dos comités de Seaga pecháronse este xoves na Consellaría de Medio Rural. O obxectivo é exercer máis presión e dar a coñecer a problemática pola que está a pasar o conxunto do cadro de persoal desta empresa subcontratada por Medio Rural para realizar as labores de prevención e extinción de incendios.

Segundo explica María Rodinho, representante do comité da Coruña, Seaga prescindiu nos últimos tres meses de 150 traballadores dos 918 que conformaban o cadro de persoal antes dos comicios electorais. "Pedimos que nos expliquen cales son os criterios que se están a seguir para proceder aos despedimentos", di, "entendemos que co cambio de goberno se introduzan modificacións, que prefiran outro deseño organizativo para este labor, mais exiximos transparencia e información". O que se temen os responsábeis sindicais é que o actual goberno quere botar aos empregados que levan dous anos na entidade para evitar facerlles un contrato indefinido xa que, por lei, deberían deixar de ser temporais, e poder así contratar a outras persoas "máis afíns". Con todo, explican que os despedimentos acometidos até o de agora non foron só a persoas que levasen ese tempo contratados, polo que non entenden o criterio empregado.

Campaña contra incendios
"Estamos iniciando este proceso de protesta antes de que se inicie a campaña contra incendios", explica Rodinho, "porque non queremos que se nos acuse de desatender os lumes ou o noso traballo; ante todo somos profesionais". Pero, de seguir así as cousas, os traballadores lamentan que non poderán afrontar unha situación de emerxencia por incendios con garantías: "queremos ter moi claro como vai a articularse todo, cantos seremos, cales serán as nosas funcións... e que non suceda o de outros anos, que non contamos con equipos de protección até última hora ou fixemos xornadas laborais de moitas horas".

"Botan a xente que leva máis tempo, que ten experiencia, e iso non o podemos entender", insite Rodinho, alertando das dificultades engadidas para afrontar con garantías a extinción e prevención de incendios. Ademais, "tamén despediron a traballadores das UXFOR, deixando a limpeza de moitos montes paralizada", co consecuente risco que isto engade.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: