Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMO A SILICON VALLEY CALIFORNIANA

Portugal será a sede dunha cidade intelixente sustentábel

O distrito de Paredes acollerá esta vila tecnolóxica que ocupará 17 quilómetros cadrados e que se prevé que xere milleiros de postos de traballo.

Redacción - 12:30 08/06/2009

Chamarase Planit Valley e o obxectivo é que estea totalmente construída en 2013. O distrito de Paredes (no norte de Portugal) acollerá esta nova cidade tecnolóxica, que terá unha vocación de sustentabilidade, e que pretende xuntar a uns 12 mil socios, moitos deles pequenas e medianas empresas da área tecnolóxica. Esta nova vila intelixente construirase ao exemplo da californiana Silicon Valley e, segundo os seus promotores, ofrecerá milleiros de postos de traballo.

Até o de agora só se saben os nomes dalgúns dos socios, entre os que se atopan Cisco System, da Living PlanIT, Mclaren ou Buro Happold. O proxecto contará cun investimento de 10 mil millóns de euros e comezará a poñerse en marcha no último trimestre deste ano.

Laboratorio vivo á escala
Segundo os responsábeis da Living PlanIT, esta nova plataforma de investigación será unha especie de "laboratorio vivo á escala urbana", onde serán aplicadas de forma sustentábel "tecnoloxías que melloran a calidade de vida como edificios intelixentes, solucións avanzadas de mobilidade, transportes e comunicacións".

Ademais, na construción desta Planit Valley aplicaranse "as técnicas máis avanzadas para reducir o impacto da insfraestrutura no ambiente, xa que o obxectivo é promover o desenvolvemento tecnolóxico coa menor afección sobre o territorio.

Por que en Portugal?
O presidente da empresa promotora, Steve Lewis, explica no xornal portugués Ciencia Hoje que a escolla do país luso para este proxecto se debeu, sobre todo, a que as políticas ambientais daquel país son atractivas para a iniciativa. Ademais, subliña que encontraron en Portugal "unha enorme cantidade de talento nas universidades e nos emprendedores", así como o apoio das autoridades locais, moi receptivas ante a idea.

No referente ao investimento para a construción desta nova cidade, Lewis asegura non pediu ningún tipo de achega económica ao goberno portugués, xa que as institucións privadas serán quen de reunir o seu propio capital, alén de contar con beneficios fiscais en función do seu investimento. Así, o orzamento será captado no mercado financeiro e nas institucións bancarias, dixo.

Este proxecto xa levantou moitas expectativas en Portugal, fundamentalmente no distrito de Paredes, mais, até o de agora, está envolto nun grande secretismo. De momento, o que se coñece del obedece a unha estudada estratexia de marketing segundo a cal se divulga, en tempos diferentes, información a contagotas. A próxima das novidades serán os nomes de todos os socios que traballarán na Planit Valley.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: