Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"POR MOTIVOS ECONÓMICOS"

A Radio Galega deixa o Diario Cultural sen opinión

Comezan a escoitarse as primeiras críticas a unha decisión que atenta contra un dos piares da información cultural en Galiza.

Redacción - 18:30 02/07/2009
Helena González

Helena González

A nova dirección da Radio Galega decidiu prescindir da sección de opinión da Diario Cultural por "motivos económicos", unha medida que se suma a outras decisións do novo equipo da CRTVG, que polo de agora se centrou en recurtar ou eliminar os espazos culturais da televisión e da radio públicas do país. O espazo de opinión do Diario Cultural correspondía a Helena González os luns, Bieito Iglesias os martes, Xosé Carlos Caneiro os mércores, Débora Campos o xoves, e Miguel Anxo Murado os venres. O Diario Cultural, dirixido por Ana Romaní, emítese de luns a venres de tres a catro da tarde, e dende 1990 (celebrará o vindeiro ano o seu vixésimo aniversario) é un dos referentes na información cultural en Galiza, un espazo de pluralismo e de debate, recoñecido e respectado dentro e fóra do noso país.

A decisión, que se coñeceu hai uns días, xerou xa as primeiras críticas, comezando polos propios colaboradores do programa. Helena González anunciou a través dun correo electrónico que "xa que non me foi posíbel facelo nas ondas, coa derradeira entrega que se emitiu, despídome desta navegación, convencida da necesidade de manter o obxectivo que me propuxen: catar e debater a cultura, desde o feminismo, é dicir, criticamente".

Máis dura foi este xoves a xornalista Débora Campos, que comezou o seu artigo afirmando que "O que ten de bo o silencio é que deixa mais posibilidades para pensar. Isto non o pensan nunca os que nos fan calar. Eles pensan que abonda con que non se escoiten máis algunhas voces. Pensan que se non se escoita o son desas falas, entón non pasa nada. Pero engánanse. Porque ainda pensamos". E pechou a súa intervención dicindo que "Mándanos estar caladiños. E farémolo polo ben dese milagre radiofónico que é o Diario Cultural. Caladiños que non quedos. Caladiños que non apagados. Caladiños pero sabendo o que pasa. Caladiños pero activos. Caladiños, si. Pero calados en galego!".


4,84/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: