Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Exixen dereito a réplica

A Mesa denunciará a Televisión de Galicia por "manipular" informacións sobre o seu financiamento

Lembran que a asociación "xa estivo nas listas negras do PP", e que o TSXG chegou a emitir unha sentenza "obrigando a Xunta a financiar a asociación".

Redacción / EP - 09:00 06/07/2009

A Mesa pola Normalización Lingüística presentará unha denuncia xudicial contra a Televisión de Galicia (TVG) polo "tratamento de manipulación" dado a unha información este domingo, no informativo do mediodía, e esixirá "dereito a réplica".
 
Na información presentada pola televisión pública galega sinálase que esta asociación "multiplicou os seus ingresos a pasada lexislatura grazas ás subvencións do Goberno do bipartito" ao obteren das arcas pública máis cartos, din, "que a RAG". A seguir, recollen unhas declaracións do líder do PP coruñés, Carlos Negreira, quen sinala que, ao ser ver, "é un auténtico escándalo o que se acaba destapar", e acrecenta que se "vén de conformar" que o bipartito lle deu "axudas aos amigos, a unha estratexia de imposición do galego e a unha entidade privada", máis que "lle deu á Real Academia Galega".

Agora, nun seu comunicado, dende A Mesa sinalan láianse desta "manipulación" e "información tendenciosa", aínda máis por vir dun medio público: "É de lamentar que se lle dea unicamente voz a unha parte -o concelleiro e deputado do PP Carlos Negreira-, mentres que nin sequera se poñen en contacto cos voceiros da Mesa para contrastar a información", apunta a asociación. Desta forma, os responsábeis d'A Mesa anunciaron a súa intención de presentar unha querela, lembrando que xa estiveran "nas listas negras do PP" nas lexislaturas de Fraga, e que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa "obrigou a eses gobernos a financiar á asociación".

"Todos os convenios asinados pola Mesa son públicos"
Nun comunicado de prensa, o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, fixo fincapé en que "todos os convenios asinados pola Mesa" son "públicos, de acordo co estipulado pola Lei de Transparencia e atéñense á plena legalidade" e convida a actual conselleira de Facenda, Marta Fernández, antes interventora da Xunta, a "dar testemuño" diso. Así mesmo, asegura que "non recibiu financiamento do Goberno galego para infraestrutura", como si o fixeron "outras asociacións con moita menos afiliación e actividade", e denunciou que en informacións aparecidas sobre as subvencións que recibiu esta asociación se omitiron campañas de sensibilización ou revistas publicadas.

Dende A Mesa tamén lembran que a súa é a "maior asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socios" e lamentan a "forma tendenciosa" de ofrecer informacións respecto diso dende a Galega, por "dar a entender que houbo trato de favor por parte do bipartito ou polas consellarías gobernadas polo Bloque". Alén disto, dende esta asociación critican que se deixase entrever que recibiron "máis diñeiro, na pasada lexislatura, que a Real Academia Galega (RAG)", ou que se diga "falazmente" que A Mesa enviou "600 cartas ameazantes a comerciantes" para que utilizasen o galego, algo que "nunca existiu", desmenten.

O PPdeG di que as políticas lingüísticas da nova Xunta, "dignifican" o galego
Pola súa banda, o PPdeG enviou un comunicado de prensa no que queren facer un contraste entre "as políticas lingüísticas da Xunta, que dignifican a lingua, coas do bipartito, baseadas na imposición do galego, e que xeraron o odio" á lingua propia. Así, os populares defenderon que o Goberno "fomentará o uso do galego dende a liberdade do individuo", fronte á "gravísima política de imposición que flaxelou o sistema lingüístico" durante os últimos anos. Por iso, conclúen, "pretender converter en conflito lingüístico unha situación de vantaxe e privilexio con respecto a outras comunidades, polo feito de ter dous idiomas, non pode responder de ningún xeito aos intereses galegos como intenta facer a oposición".


Ligazóns

5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: