O gobernamental Partido Acción Nacional (PAN) perdeu a maioría da Cámara de Deputados en favor do Partido Revolucionario Institucional.
A líder do PRI, Beatriz Paredes
O líder do gobernamental Partido Acción Nacional (PAN, democratacristián), Germán Martínez, recoñeceu a derrota da súa formación fronte ao Partido Revolucionario Institucional (PRI, socialdemócrata) nas eleccións lexislativas organizadas este domingo en México.
Nunha conferencia de prensa recollida polos medios mexicanos, Martínez felicitou esta madrugada (hora galega) ao PRI: "Recoñecemos e felicitamos esa primeira minoría (maioría relativa) do PRI na nova Cámara de Deputados".
De acordo cos primeiros datos preliminares ofrecidos polo Instituto Federal Electoral, o PRI obtería o 34,8% dos 500 asentos da Cámara baixa, fronte ao 27% do PAN. Dos 248 distritos electorais contabilizados, sobre un total de 300, o PRI obtería a vitoria en 100.
O Partido da Revolución Democrática (PRD, esquerda) situábase en terceiro lugar, obtendo a vitoria en 28 distritos electorais, a maioría no DF, a capital do país.
Reválida
Para o presidente de México, Felipe Calderón, a xornada electoral constituía unha reválida na metade do seu mandato. A abstención foi alta. Intelectuais e destacadas figuras da sociedade mexicana pediron o voto nulo nestes comicios.
O PRI recupera a maioría coa que contaba no ano 2000 cando o PAN acabou cos seus setenta anos ininterrompidos de Goberno.