Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este sábado 18

'Máis BNG' colle impulso

Carlos Aymerich, principal cabeza visíbel da corrente, realizará a intervención de peche do acto que lle dará forma, oficialmente, a este novo grupo integrado no Bloque.

Redacción - 17:45 17/07/2009

O equilibrio de forzas debuxado no BNG durante o último proceso asembleario ofrecerá a novidade da consolidación formal en próximas datas dun novo grupo dentro da fronte nacionalista. O primeiro chanzo este mesmo sábado 18, no compostelán Hotel San Francisco, onde os simpatizantes da corrente Máis BNG se reunirán para conformar unha comisión xestora que pilotará durante os próximos meses a estruturación do grupo que, como tal, nacerá nunha asemblea a celebrar, con probabilidade, o próximo outono.

Unha das dúbidas que permanece ao fío deste proceso é o futuro das siglas que, nesta altura, están chamadas a integrarse en +BNG malia que o colectivo máis numeroso sería xustamente o daquelas persoas que non están directamente vencelladas a ningún partido, sendo militancia única da fronte nacionalista. O Espazo Socialista Galego (ESG), a formación máis recente e tamén a máis numerosa das que na actualidade se move na órbita de +BNG, sería a que máis doadamente afrontaría a posíbel disolución dentro da nova estrutura en proceso de creación. Así e todo, o modelo final podería debuxar unha fórmula que mantivese de xeito simbólico as siglas históricas (PNG-PG, EN e Inzar), de xeito que na práctica a actividade pública se canalizaría exclusivamente a través das siglas de +BNG.

Aproveitando o impulso do congreso extraordinario
Esta primeira toma de contacto estaría chamada a ser punto de inflexión onde +BNG aspira a catalizar o esforzo sumado os últimos meses, logo de que o colectivo artellado especificamente para o conclave extraordinario do Bloque fose quen de rabuñar arredor do 37% dos apoios, un chisco por baixo da UPG, até o de agora forza hexemónica do BNG, que organizada en torno ao lema 'Alternativa pola Unidade' conquistou arredor do 46% dos votos. O espazo ocupado nese combate interno outorgoulle azos aos promotores de +BNG para articular agora oficialmente a proposta.

Con todo, nos próximos meses, afrontan tamén a complicada tarefa de marcar os elos de unión dun heteroxéneo grupo de militantes do Bloque chamados a unírense arredor de puntos de encontro ideolóxicos e organizativos concretos. Nese desafío, o nexo máis doado neste primeiro escenario sería a vontade común de, en frase empregada por varios membros activos da formación, "imprimirlle un novo rumbo ao BNG", tarefa nacida da crítica compartida por diferentes sectores desta corrente ao respecto do actual modelo organizativo e pilotaxe da fronte nacionalista.

"Cambiar" o BNG para "ilusionar" a sociedade
Na convocatoria formal realizada na véspera da xuntanza, os promotores de Máis BNG chaman á participación na corrente "coa premisa de avanzar cara a un cambio preciso na casa común nacionalista" e engaden que a corrente desexa "abrir unha nova etapa que volva ilusionar a militancia e a sociedade galega".

Este arrinque do proxecto completaríase ao longo da mañá deste sábado 18, nun acto que pechará o que na actualidade é o referente público máis coñecido de +BNG, o voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, quen fornecerá no seu discurso das primeiras chiscadelas do marco ideolóxico que unirá a militancia desta nova formación integrada no BNG. Antes desa clausura, Teresa Táboas será a encargada da comunicación das persoas que integrarán a nova xestora nacional e Luís Barcia exporá un breve relatorio político. Ademais, diversas persoas solicitaron quenda de intervención no debate público que terá lugar no auditorio. De xeito simbólico, abrirá o acto a primeira hora o ex vicepresidente Anxo Quintana.

Herdeiros do chamado quintanismo, preguntado o pasado mes de abril sobre o significado da etiqueta e sobre o que esta denominación podía facer abrollar, Carlos Aymerich expoñía para Vieiros o seguinte: "O quintanismo é un movemento dentro do BNG así chamado porque dalgunha forma naceu cando Anxo Quintana era o portavoz nacional, logo tamén vicepresidente da Xunta, e que se caracterizaba pola intención de crear unha corrente central no BNG, superando enfrontamentos tradicionais para substituílos por unha política de integración e facer abrollar un oficialismo". Engadía Aymerich na presentación da candidatura de +BNG á asemblea extraordinaria do Bloque que o proceso "clarificaba" o panorama interno na fronte porque "a UPG preséntase como UPG, Beiras preséntase como Beiras, e hai despois unha candidatura que aspira a representar o futuro do BNG (...) Todos nos coñecemos no BNG e, independentemente das lexitimidades fundacionais, agora toca outra cousa".


4,21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: