Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reapertura do debate sobre a reforma

Exame pendente para setembro: un novo Estatuto para Galiza

O PSdeG propón reiniciar a negociación estatutaria en setembro. Feijoo di que achegará un texto ao Parlamento, mais non pon data. O BNG ve nos socialistas a intención de pactar a reforma en exclusiva co PP.

Redacción - 17:05 20/07/2009

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, recuperou este luns para o primeiro plano o debate acerca da reforma do Estatuto e púxolle data ao reinicio posíbel do debate entre os grupos parlamentarios: o próximo mes de setembro. Deste xeito, os socialistas propoñen que á volta das vacacións, os deputados lle metan man ao desafío frustrado durante a anterior lexislatura. "O PSdeG insta as forzas políticas a tratar sen demora un novo Estatuto para Galiza", expoñía en conferencia de prensa Manuel Vázquez, anunciando que, con tal fin, lle enviara unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e ao voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

"Quen non ten novo Estatuto milita en segunda división"
"A aspiración do PSdeG é acadar o máximo teito; hai que ser ambiciosos e esixir o máximo nivel competencial, nun Estatuto que recolla todas as peculiaridades de Galiza e que lle dea os mesmos dereitos que teñen outras comunidades", explicou o líder dos socialistas galegos. "Quen non ten novo Estatuto milita en segunda división", laiouse, recordando a frustrada reforma na anterior lexislatura e cualificando de "imprescindíbel" o relanzamento do proceso.

Subliñou Vázquez que o culpábel de que na actualidade Galiza non teña novo Estatuto é o PPdeG, apuntando que "foi Feijoo quen "bloqueou as negociacións para a reforma do Estatuto iniciadas polo anterior Goberno”. O secretario xeral do PsdeG acusou o líder dos populares de provocar daquela o fracaso da negociación "por seguir as ordes que lle deu outro galego [en referencia a Mariano Raojoy] desde Génova". "Bloqueou a mellora da calidade de vida dos galegos", denunciou Vázquez.

A preguntas dos xornalistas sobre as discrepancias pola inclusión do termo “nación” no Estatuto, Vázquez dixo non ter “compromisos” nin co PP nin co BNG, senón "un único compromiso con Galicia”. "Cando consideremos que se dan as circunstancias para o mellor Estatuto para os galegos, diremos que si, pero se alguén se empantana en debates de escaso interese, seguiremos para adiante”, afirmou.

Feijoo e Rueda ofrecen texto para arrancar pero non data
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, respondeu publicamente este xoves que "cumprirá" o compromiso anunciado de enviarlle ao Parlamento un proxecto de reforma do Estatuto e negou tere recibido polo momento a carta do secretario xeral do PSdeG. Asegurou Núñez Feijoo que o goberno que lidera vaille trasladar á Cámara "un proxecto de reforma constitucional" para que sexa "avaliado" e rexeitou fixar prazos, insistindo en que "a crise económica e a creación de emprego" son "os obxectivos fundamentais" nestes momentos.

Sobre o asunto falou tamén este luns o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, quen sen ofrecer tampouco data concreta para o envío do texto que a Xunta asegura que vai propoñer, pediulle aos outros grupos parlamentarios que "negocien con lealdade" o texto e "mirando o beneficio de Galiza".

"Ten que ser un Estatuto ambicioso", reclama Aymerich
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, salientou a importancia de que Galiza acorde un novo Estatuto que, insistiu, debe ser "ambicioso" e deixar a Galiza "na liga das estrelas". Entre outros, recordou a reclamación do Bloque de que o texto estabeleza un marco de relacións co Estado "sobre a base da igualdade e o respecto recíproco" e lle dea "igualdade de oportunidades" ao galego.

Destacou ademais a necesidade de que o marco competencial fixado sexa "amplo e coherente" e opinou que, nun contexto como o actual, se Galiza tivera pechado a reforma no seu momento, podería afrontar a actual negociación sobre o sistema de financiamento autonómico "desde unha posición de forza". Queixouse Aymerich de que Galiza "paga agora as consecuencias" de non ter novo Estatuto nin Executivo "con vocación de autogoberno".

Por outro lado, amosouse escéptico sobre a chamada á negociación realizada este luns polo PsdeG. Ao fío, agoirou que os socialistas poderían "pactar co PP", e de costas ao Bloque, a redacción do novo Estatuto. "Xa o fixo", criticou Aymerich referíndose ao debate en materia de financiamento e infraestruturas. De paso, prognosticou tamén que logo do "pacto implícito" en materia de financiamento, "pactarán tamén de novo ao aceptar que o TAV non chegará a Galicia até 2016".


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: