A consellaría vasca de Educación derroga a parte do decreto de educación infantil na que se fixaba esta lingua como a principal nesta etapa educativa.
Anuncio para a aprendizaxe do euskera / Foto: nonbait.com
Como en Galiza, en Euskadi a cuestión lingüística está a xerar unha importante tormenta política. O Boletín Oficial (Euskal Herriko Agintaritzaren Aldizkaria) recolle unha orde da Consellaría de Educación na que suspende o apartado na normativa aprobada polo anterior goberno que estabelecía o éuscaro como principal lingua vehicular no ámbito escolar.
A modificación do decreto prodúcese logo de que se fixese público un auto da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi que suspendía de xeito cautelar o contido dos artigos dos decretos de Educación Infantil e Bacharelato que estabelecían o éuscaro como a principal lingua no ensino. Esta decisión tomouse a instancias de dous recursos presentados pola organización Plataforma pola Liberdade de Elección Lingüística, unha asociación de pais que reúne a unhas dúas mil familias.
Bilingüismo harmónico
Os devanditos decretos foran aprobados a finais da pasada lexislatura polo anterior goberno, cando Educación estaba en mans de Eusko Alkartasuna (EA). Agora, a orde recollida no Boletín Oficial modifica a normativa e suspende o inciso no que se indicaba que "o éuscaro será a principal lingua vehicular no ámbito escolar". Así as cousas, a actual conselleira de Educación, Isabel Celaá, xa manifestou que o seu departamento seguirá adiante cos traballos de modificación dos decretos curriculares.
Ademais, o goberno manifestou o seu compromiso coa convivencia harmónica das dúas linguas oficial de Euskadi", e adiantou que a política educativa e lingüística promoverá un "bilingüismo integrador".