A Universidade de Vigo ofrecerá o vindeiro curso o primeiro Posgrao de Pesca en Europa coa colaboración da asociación profesional de armadores.
O posgrao ofrecerá contidos que van dende a xestión empresarial da industria pesqueira até bioloxía mariña
Cunhas importantes cifras de volume de negocio, a pesca continúa a ser unha das actividades máis rendíbeis para Galiza. Amósano as estatísticas, que revelan que o sector supón xa un sete por cento do Produto Interior Bruto (PIB) da nosa economía. Con todo, a formación en materia pesqueira segue a ser unha tarefa pendente no noso sistema educativo que, aos poucos, ve xurdir novas iniciativas. É o caso do primeiro título de Posgrao de Pesca que se ofrecerá o vindeiro curso na Universidade de Vigo, en colaboración coa Cooperativa de Armadores de Vigo, e que xa está adaptado ao Plan Boloña.
"No sector pesqueiro estamos asistindo a un importante relevo xeracional", explica Xosé Antonio Suárez-Llanos, xerente adxunto da asociación de armadores e un dos responsábeis do proxecto. Este é, sen dúbida, un dos retos que terán que afrontar os profesionais do mar, un oficio que en Galiza perdeu máis de 4.200 traballadores nos últimos cinco anos. Por iso, é cada vez máis importante, "a formación continua para aqueles que xa se adican á pesca e uns estudos que permitan achegarse a este mundo a aqueles que se queiran iniciar nel".
Xestión da pesca, dende o barco até o consumidor
Este Posgrao de Pesca ofrecerá a posibilidade de conxugar a formación teórica coa práctica: "o obxectivo é ofrecer unha visión íntegra de todo o sector pesqueiro e acuícola, abordando dende as capturas e a produción até a transformación do peixe e marisco e a comercialización", explica Suárez-Llanos. Dunha banda ofrecerá as clases impartidas por profesores da Universidade de Vigo, nas que se profundará en cuestións tan variadas como a bioloxía mariña, a economía e os recursos pesqueiros, o Dereito do Mar ou a política común de pesca. E, da outra, terá a súa parte práctica, na que os alumnos tomarán contacto cos armadores e xerentes de empresas do mar, nas que experimentarán cos coñecementos xa aprendidos, ato tempo que se achegarán en primeira persoa á xestión empresarial na industria pesqueira.
Esta iniciativa educativa xorde da experiencia dun máster que xa foi impartido nos catro últimos anos, na que tamén tomaba parte a Cooperativa de Armadores. Dende que se iniciase o proxecto, pasaron por este curso un total de 50 alumnos, que na actualidade xa traballan no sector. "Tivemos alumnos de Galiza e de fóra", explica Suárez-Llanos, "chilenos, mexicanos, colombianos... que hoxe poñen en práctica os seus coñecementos". Con todo, grazas ao recoñecemento do curso dentro do marco europeo de educación, o posgrao será agora moito máis accesíbel: a matrícula custará 1.155 euros e os alumnos poderán optar a bolsas de axuda.
Deste xeito, Vigo especializarase na formación académica vencellada a un sector que é, sen dubida, un dos motores económicos da comarca: "ningunha cidade pode presumir de ter unha capacidade tan grande en todos os campos relacionados coa pesca", subliña o xerente dos armadores. Agora, o reto será integrar aos novos alumnos nunha industria que aínda ten moito de tradicional, para liderar o relevo xeracional que xa está a demandar a pesca galega.