Os sindicatos denuncian a inexistencia de planificación e desidia na prevención desde o cambio na Xunta e critican que o presidente "bota balóns fóra".
As afirmacións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, este mércores nun programa radiofónico onde, en lembranza da vaga de lumes de 2006, responsabilizaba daquela situación ás brigadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF), acenderon a indignación dos traballadores. De actualidade está ademais o comentario que, no outro estremo, realizou recentemente o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, cualificando as mesmas brigadas como "as mellores do mundo" de paso que xustificaba que non se vaian limpar os montes.
Desde a CIG rexeitan as afirmacións que cualifican de "gratuítas e falaces" coas que se trata de responsabilizar os traballadores do servizo contra o lume e definen de "irresponsábeis" as palabras do presidente. Recórdanlle a Núñez Feijoo que o dispositivo das brigadas "non só non se modificou sustancialmente senón que minguou desde o cambio de Goberno". Por este motivo, esíxenlle ao mandatario "unha rectificación inmediata". "Ou será que pretende poñer a venda antes da ferida e botar balóns fóra para ocultar a ineptitude do seu equipo?", apóñenlle desde este sindicato.
Problemas de planificación e "desidia"
CIG e UXT xa denunciaran esta semana unha "falta de medios" para o traballo das brigadas e acusaran de "desidia" a Consellaría de Medio Rural. Segundo os sindicatos, a consellaría incumpriu diversos compromisos en materia de incendios. Compromisos asinados polo bipartito que, no seu momento, fixara como prioridade os avances na "profesionalización" do servizo, non só vencellada ao propio labor de extinción senón tamén a toda a actividade relacionada coa atención ao monte durante todo o ano.
Láianse os voceiros dos traballadores de que, de non estar axudando a climatoloxía no que vai de verán, este podía estar sendo un período "nefasto" de lumes debido ao "desleixo e falta de planificación".Así por exemplo, avisan de de que non se están facendo contratacións de substitucións de baixas ou xubilacións nas brigadas," influíndo na eficacia do dispositivo ao quedar brigadas con dúas persoas, incapaces de afrontar unha situación de emerxencia". Tamén advirten do "nulo mantemento que se está a facer ao parque móbil, con coches que non son axeitados para o servizo de incendios".