Un grupo de activistas de Greenpeace lanzou 180 rochas de granito nas augas suecas do estreito de kattegat para demandar a reforma da Política Pesqueira Común.
A pesca de arrastre arrasa os océanos e as especies
A pesca de arrastre é a menos selectiva que existe, ademais de ser a máis prexudicial para os fondos mariños. A rede remólcase dende a embarcación, de xeito que todo o que atopa no seu percorrido queda atrapado. Pero é que ademais do dano que ocasiona sobre o ecosistema, tamén levanta sedimentos que son arrastrados e quedan en suspensión, afectando a todas as especies.
Con todo, a política pesqueira non é tallante na prohibición destas artes mariñas. Segundo explicaban dende Greenpeace "en toda Europa, a protección dos mares só existe sobre o papel". Contra esta indefinición manifestouse esta semana o colectivo ecoloxista, que lanzou 180 rochas de granito, cun peso de entre 500 quilos e tres toneladas cada unha, nas augas suecas do estreito de Kattegat (entre Suecia e Dinamarca). Deste xeito queren evitar a pesca de arrastre de profundidade na zona (xa que agora non será rendíbel para os barcos botar alí as súas redes) ao tempo que demandaron a reforma da Política Pesqueira Común (PPC) da UE.
O colectivo ecoloxista recordou que os países comunitarios non teñen capacidade para regular ou prohibir determinados tipos de pesca, xa que as decisións relativas ás flotas e ás capturas son acordadas no amrco da Unión Europea. Así, pediu á presidencia (que este semestre exerce Suecia) que modifique a PPC actual para permitir que as autoridades nacionais poidan tomar decisións encamiñadas á conservación e protección das especies mariñas e da súa biodiversidade.