Deica fin de ano non haberá datos polo miúdo. "Canto máis presenza mediática ten o tema, máis risco de incendios hai", argumentan desde a Xunta.
"Decidiuse non facilitar información xenérica sobre incendios para non fomentar a actividade incendiaria, habida conta de que está demostrado que canto maior presenza mediática ten esta cuestión, maior é tamén o risco de que se incrementen o número e importancia dos lumes". Tal é a argumentación desde a Consellaría do Medio Rural para negar os datos da administración pública ao respecto da incidencia dos lumes no que vai de ano e mesmo no actual verán. Deste xeito, o Goberno non agardan que antes da fin do verán se faga público o balance completo coas cifras concretas da incidencia do lume nos montes aínda que aseguran que a previsión é que este balance se ofreza a finais de ano.
A insistencia do argumento co que, subliñan, a consellaría xa xustificou "en reiteradas ocasións" a decisión de non facilitar información polo miúdo sobre incendios, é lembrada por Medio Rural este xoves ao tempo que negan ter afirmado que o recente incendio en Vilardevós fora o maior deste ano en Galiza. Recordan que só ofrecerán información de cada lume concreto polo que sexan requiridos e só o farán "automaticamente" cando o incendio supere, como no caso de Vilardevós, as 20 hectáreas de superficie afectada.
Con todo, e exemplo do apagamento informativo, é a imposibilidade de saber cal foi o maior incendio no país desde principio de ano segundo os datos manexados pola Xunta. Insisten, "o de Vilardevós foi só o maior do verán". Ao respecto, remítense ás declaracións dun axente forestal lugués que esta semana sinalaba que o peor lume en cuxa sufocación el traballou foi en Palas de Rei o pasado mes de marzo e afectoulle a 735 hectáreas, mais non aclaran se teñen constancia doutro maior. Pero, teiman, non se dará cifra global de superficie queimada en todo o país, cando menos até finais de 2009.