Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cortes na autovía até primeira hora da mañá

Controlado, mais aínda activo, o incendio na empresa redeira de Boiro

Bombeiros e Protección Civil tratan de arrefriar a nave de almacenamento de redes de pesca e cabos mariños que arde desde esta quinta feira ao mediodía.

Redacción / Europa Press - 09:00 25/09/2009
Na foto, de Google Maps, pódense ver as redes amoreadas fóra da nave, antes do lume, ao carón da autovía

Na foto, de Google Maps, pódense ver as redes amoreadas fóra da nave, antes do lume, ao carón da autovía

Os bombeiros de Boiro e efectivos de Protección Civil tratan de arrefriar a nave de almacenamento de redes de pesca e cabos mariños que arde desde esta quinta feira e conseguir apagar a pequenas lapas que, aínda que controladas, se manteñen activas.

No lume, que permanece activo, resultaron feridas nove persoas, das que catro son bombeiros, outros catro membros de Protección Civil de Padrón e un máis, un traballador da planta.

Última actualización: 19:30 24/09/2009
Un "enorme" incendio declarado esta quinta feira nunha nave industrial no Concello de Boiro provocou o corte do tránsito en ambos os dous sentidos da Autovía do Barbanza e causou que dous bombeiros resultasen feridos, indicaron fontes da Policía Local do citado municipio.

Segundo explicou a central de urxencias do 112, o aviso recibiuse contra ás 14.00 horas, cando un particular informou de que a empresa de redes J.J. Chicolino, situada no polígono industrial de Espiñeira, no lugar de Fontecoba, estaba ardendo.

Ao lugar do suceso desprazáronse efectivos de Bombeiros dos parques comarcais de Boiro, Ribeira, O Salnés e Compostela e efectivos de Protección Civil e grumires (grupos municipais de intervención rápida) de Boiro, Ribeira, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Noia, Brión, Vilagarcía e Padrón con varios vehículos. Están alertados tamén os parques de Bombeiros de todas as comarcas coruñesas.

Por aire intentaban controlar o incendio tres helicópteros do servizo de extinción da Consellaría de Medio Rural e un helicóptero do 112 con base na Estrada, que realizaba fotografías e recoñecemento da zona.

Elevadas temperaturas
Segundo indicou o 112, os Bombeiros viron dificultado desde o primeiro momento o labor de extinción debido ao "aumento considerábel da temperatura" na zona, o que provocou que non se puidesen achegar a menos de 15 metros da fábrica e que non puidesen cortar as lapar desde o seu interior.

Neste senso, a central de urxencias do 112 recibiu ao longo de mediodía varias chamadas de persoas que circulaban polas estradas próximas alertando do aumento de temperatura. Como consecuencia, a Garda Civil tamén tivo que cortar a circulación da AC-305.

Ademais, a extinción con medios aéreos viuse nun primeiro momento imposibilitada pola presenza dunha gran nube de fume sobre a fábrica que, finalmente, se foi disipando. Á media tarde o lume estaba "totalmente incontrolado", e a nave dábase por "totalmente calcinada".

Redes amoreadas

O labor tamén se estaba a ver "complicado" pola presenza no exterior da fábrica de toneladas de redes amoreadas, algunhas de até 12 metros de altura.

Ao chegar ao lugar do incendio, os efectivos da Policía Local e da Garda Civil procederon a desaloxar a zona para facilitar o traballo dos efectivos de extinción e, posteriormente, evacuaron os habitantes dunha vivenda próxima por precaución.

Nos labores de extinción resultaron feridos leves varios bombeiros. Os dous primeiros, un por unha contusión e outro por inhalación de gases, foron atendidos polo 061 e trasladados a un centro hospitalario á primeira hora. Posteriormente, segundo informou a Radio Galega ás 19.00 horas, outros operarios tamén tiveron que recibir atención.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: