Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza, a que menos achega do Estado

"Por un pacto galego contra a pobreza"

Unha concentración que se agarda multitudinaria pechará en Vigo o día 17 os actos da Semana Galega contra a Pobreza.

Redacción - 09:15 09/10/2009

A sociedade civil galega está chamada a lles exixir aos seus políticos un Pacto Galego contra a Pobreza. E farao durante a semana que vén, a través de manifestacións, conferencias e actos simbólicos cos que lles pedirán ás forzas políticas un compromiso para "mudar as estruturas que fan posíbel a perpetuación da pobreza no mundo".

Laura García, responsábel de sensibilización da Coordinadora Galega de ONGD, entidade organizadora dos actos da Semana Galega contra a Pobreza, expresábase deste xeito durante o acto de presentación oficial que se desenvolveu esta quinta feira en Compostela.

"Agora tócanos a nós, os países desenvolvidos, comprometernos a materializar os Obxectivos do Milenio, sobre todo o número oito, que se corresponde co compromiso político na loita efectiva contra a pobreza. E poderemos facelo a través deste Pacto", explicou García.

A Semana Galega contra a Pobreza fará especial fincapé na incidencia política, porque "os nosos e as nosas representantes non poden esquecer as súas responsabilidades nun mundo globalizado como o actual", apuntou Gemma Filgueira, da Comisión de Incidencia Política da Coordinadora. "As responsabilidades son compartidas e exceden as fronteiras. Trátase de xustiza social global", dixo.  

Unha xustiza que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que veñen rexendo as relacións Norte-Sur e que se refiren ao comercio internacional, á débeda externa ou á calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, materializada na exixencia do 0,7% do PIB de cada país.

Pola súa banda, Xosé María Torres, presidente da Coordinadora, explicou que o pacto autonómico está a funcionar xa noutras partes do Estado, e amosou a súa confianza en que os orzamentos do novo goberno para 2010 "aumenten as partidas para gasto social, posto que na actualidade Galiza, cun 0,1% do PIB é a comunidade que menos destina para cooperación internacional".

Incidencia política

A Comisión de Incidencia da Coordinadora comezará a promover a sinatura do Pacto cun acto no que participarán políticos e axentes sociais o venres 16. Mais durante toda a semana o obxectivo é facerlle chegar á cidadanía galega a idea de que ten que exixir este pacto.

Este mesmo venres, desenvolverase na Casa das Asociacións de Compostela a I Xornada Galicia cara ao Pacto contra a Pobreza, coa participación de Hugo Torres, experto en Incidencia política e oriúndo de Nicaragua. Os numerosos actos que haberá en vilas e cidades do país culminarán o día 17 en Vigo cunha manifestación que se agarda multitudinaria.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: