O seu filme sobre os xornaleiros en El Ejido abriu moitas feridas. Agora denuncia o maltrato do goberno marroquí aos seus pescadores.
O cineasta Jawad Rhalib en Santiago de Compostela
Os condenados do mar é un documental sobre a pesca, a pobreza, a loita polos recursos, a inxustiza dun goberno cos seus cidadáns e a hipocrisía ambiental. Diríxeo Jawad Rhalib, marroquí de nacemento e belga de residencia, que volveu ao seu país natal para rodar un filme que pasou con éxito por numerosos festivais e televisións europeas e que vén de ser nomeada aos Premios do Cine Europeo. Estes días Rhalib está en Galiza presentando o filme, que se puido ver no Festival Amal, na Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña e antes no Festival de Ourense.
Jawad Rhalib non esquiva os problemas. Hai dous anos levantou unha gran polémica no Estado español co seu documental El Ejido, a lei do beneficio, no que indagaba nas condicións de vida dos marroquís que traballan nos invernadoiros desta localidade almeriense, o principal centro hortícola de Europa. A súa película metía o dedo no ollo dos agricultores-empresarios, das autoridades marroquís e españolas e dos seus compatriotas que colaboraban na explotación. E levantou a ira de produtores e autoridades andaluzas.
A día de hoxe, Jawad Rhalib é persoa non grata en Almería e até recibiu ameazas de morte. Acusárono de traballar para Marrocos no desprestixio dos agricultores almerienses e incluso de ser un axente do sector agrícola do norte de Europa. El Ejido foi emitida en televisións de todo o continente, pero ningunha canle española o pasou ata agora.”Hai festivais no sur de España que me dixeron que non a poden proxectar porque teñen patrocinadores que se negan”, sinala Rhalib. A película, tamén crítica co papel de Marrocos, si puido ser vista na televisión deste país. “Cambiaron o día de emisión e pasárona ás 23 horas esperando que a xente non a vise, pero houbo 7 millóns e medio de persoas diante das pantallas”, afirma Rhalib, que o explica porque “a xente quere descubrir que ocorre”.
Goberno e industria contra pescadores
Almería foi a penúltima parada do seu periplo documental, no que se achegou a problemas silenciados en lugares como Bolivia, Sudáfrica, Madagascar ou Vietnam. E agora volve ao seu Marrocos natal. “Quero facer crítica do meu país. Gustaríame dar a palabra á xente que non ten dereito a falar” co obxectivo de “que as cousas cambien un pouco”.
En Os condenados do mar fala da situación que viven moitos pescadores do centro de Marrocos. Como na súa zona xa non hai pesca, trasládanse máis de mil quilómetros ao sur para “facer a súa vida, pescar e gañar diñeiro para enviar ás súas familias”. Van a Dakhla, no Sáhara Occidental, “unha das rexións do mundo máis rica en peixe”. Pero comparten os recursos con todopoderosos barcos de pesca industrial, dotados da tecnoloxía máis moderna. Así o explica Rhalib: “O goberno marroquí dá permisos de pesca a xente moi rica e próxima ao goberno. Como teñen permisos pero non barcos, buscan empresas estranxeiras para facer negocio con eles. Son empresas que non están dentro do acordo de pesca de Marrocos coa Unión Europea, e que son protexidos por esta xente moi achegada ao goberno”.
Estas empresas estranxeiras chegan a acordos coa oligarquía magrebí para soster unha situación inxusta, coa conivencia do estado alauita. “Neste tema sempre falamos dos españois, dos chinos, dos xaponeses. O que quero amosar é que aquí tamén operan barcos de países que nós identificamos cos dereitos humanos e o respecto ao medio ambiente, como Suecia, Finlandia e Dinamarca. É difícil imaxinar que nestes países haxa xente así”, remarca o cineasta.
“Os piratas en Somalia responden ao mesmo problema”
Mentres os pequenos pescadores agardan entre tres e cinco meses desprazados nas súas chabolas, os barcos industriais seguen traballando sen respectar ningún paro. “Esta xente non o comprende, e non pode facer nada porque se enfrontan ao poder”, sinala Rhalib, que compara a situación coa do Índico: “O que están a facer os piratas en Somalia responde ao mesmo problema. En Europa a xente cre que están diante de terroristas, non comprenden que están a loitar polo seu pan”.
O documental lanza dardos moi críticos co estado marroquí, que en ocasións anteriores demostrou pouca cintura coa liberdade de expresión. Sen embargo, a película está coproducida pola televisión estatal, e ao contrario do que ocorreu co filme El Ejido ao outro lado do estreito, Os condenados do mar vai ser emitido alí por televisión. Rhalib entende que hai cousas que non se poden agochar, logo de que se pasase a película en canles como a francesa Arte.
Segundo o director, o goberno de Marrocos está a reaccionar. E pon un exemplo: “No documental aparece Ghislam, unha muller que quere saír pescar cos homes, pero en Marrocos non se lle dá permiso ás mulleres para embarcar. Agora vanlle dar a Ghislam o seu permiso de pescadora. É moi importante que isto cambiase, porque significa que van cambiar moitas cousas para as mulleres en Marrocos”.