Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Posíbel creación dunha Autoridade Portuaria luguesa

A Mariña agarda pola coordinación portuaria e a apertura do dique comercial en San Cibrao

Fomento ten desde hai un ano na mesa a demanda do Congreso ao respecto do peirao de Alcoa. A Consellaría do Mar promete apoiar a reclamación dos sectores socio-económicos da comarca.

Redacción - 12:35 12/11/2009

Foi xa en 2008 cando o Congreso outorgaba beizón a unha proposta do BNG para que o goberno español impulsase as conversas coa multinacional Alcoa para a liberación do dique norte do porto de Morás. O obxectivo: que puidese ser utilizado como porto comercial. Na comarca da Mariña hai convencemento xeral de que isto tería un beneficioso impacto económico na zona. Mais logo de demorar a resposta, o Ministerio de Fomento achegaba a comezos deste ano un informe onde se pon en dúbida a demanda desta infraestrutura.

O asunto volveu a primeiro plano esta mesma semana no Parlamento, logo da interpelación parlamentaria do deputado socialista lugués Ismael Rego á conselleira de Mar, Rosa Quintana. Rego instaba a Xunta a aclarar a súa postura sobre a posibilidade de constitución dunha Autoridade Portuaria de Lugo. Expoñía o representante do PSdeG que "é inaceptábel" que Lugo sexa a única provincia a nivel estatal que malia ter un porto de interese xeral carece de autoridade portuaria propia. Na súa resposta, a conselleira asegurou estar a favor da constitución dunha autoridade portuaria luguesa, coincidindo en que "enriquecerá" a economía da comarca da Mariña.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, manifestou a súa vontade para levar adiante a apertura ao tráfico xeral do dique de Moras, no porto de San Cibrao. Ante a Cámara galega, a conselleira dixo que este tema “xa está en estudo”, e que espera ter os resultados do informe antes de que remate o ano, uns documentos “que nos darán a clave e nos dirán a liña na que traballar cara ao futuro en relación con esta infraestrutura”.

Afondar na coordinación portuaria
Ao tempo, Rosa Quintana destacou que o seu departamento traballa no deseño dun plan para a xestión coordinada dos portos desta comarca, coa fin de "captar novos tráficos e sumar oportunidades". "Non se trata de priorizar uns portos sobre outros, senón integralos e coordinalos, para saír gañando", indicou, reflexionando que hai tráfico para cada un deles e que cada un debe especializarse na recepción e embarque de "mercadorías diferentes". Como exemplo, citou o caso de Burela co caolín, Celeiro co seixo ou Ribadeo coa pasta de papel.

Ao respecto, a conselleira salientou que o dique norte de San Cibrao axudaría a esa captación de novos tráficos "que agora levan outros portos como o de Musel en Xixón". Admitiu ademais Quintana que se trata de responder a unha reivindicación histórica defendida unanimemente polos colectivos sociais, empresariais e políticos da Mariña lucense. Ao fío, dixo ter en marcha un estudo do que se coñecerá o resultado antes de fin de ano.

Con todo, Quintana foi crítica coa posición socialista neste tema e reprochoulle ao PSOE un "cambio de postura" sobre a apertura do dique. Segundo a conselleira, os socialistas defendían en 1999 o seu destino ao tráfico xeral, "namentres que agora cuestionan a súa viabilidade polo impacto sobre Alcoa e os portos comerciais de competencia autonómica situados na Mariña". Recordou a responsábel de Mar que o senador lugués Luís Ángel Lago Lage, falaba de 2008 para a apertura do dique norte, "cando, dous anos despois e tendo baixo o seu goberno todas as administracións implicadas na decisión, non levaron a cabo xestión ningunha neste sentido".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: