O novo coordinador xeral afirmou que traballará polo pluralismo, o liderado social do nacionalismo e o europeísmo, pero non como a actual UE.
Carlos Aymerich
Carlos Aymerich quedou confirmado como líder de MáisBNG, que se constituíu este sábado en Compostela, con máis do 97% dos votos. Aymerich incidiu na idea de que a corrente "quere ser o novo impulso que a casa de todos precisa" e de que "non imos contra ninguén", senón que "traballamos por respectar o pluralismo" fundacional do BNG.
A candidatura liderada por Aymerich foi a única que se presentou á asemblea constituínte. A política que levará adiante MáisBNG estará baseada no principio de "alargar a adhesión social a un proxecto nacional para Galiza" e a "aspirar a que a maioría da cidadanía" do país apoie o proxecto nacionalista.
A defensa da lingua como "instrumento útil" e recuperación do ideario do Partido Galeguista e da Xeración Nós para concibir "Galiza como célula de universalidade que ten Europa como primeiro chanzo" son outras das ideas básicas da corrente que se acaba de constituír. Porén, Carlos Aymerich precisou que a súa visión de Europa "está moi lonxe do actual proxecto da UE".
MáisBNG expresou a súa confianza en que o BNG se converta nunha organización de masas, "na casa común de nacionalistas e galeguistas". A Coordinadora Nacional de MáisBNG ten os seguintes integrantes: