Un día despois de asegurar que contaba co apoio de moitos 'populares' da provincia, confirma que non se presentará a reelección como líder provincial do partido.
Baltar ocupa o cargo dende 1992
"Unha decisión persoal e meditada". Así definiu Xosé Luis Baltar a súa determinación de non optar á reelección como presidente do PP de Ourense. O tamén presidente da Deputación ocupaba este cargo dende hai 17 anos, cando Centristas de Galicia se integrou no Partido Popular, e era o último dos baróns do PP que no seu momento liderou o denominado sector da boina, xunto co Cacharro Pardo e Xosé Cuíña.
Aos seus 69 anos confirmou en rolda de prensa que non recuncará no Congreso Provincial previsto para o vindeiro 30 de xaneiro e deixou así aberta a porta ás posíbeis candidaturas. A única confirmada até o de agora é a do seu fillo, Xosé Manuel Baltar, actual vicepresidente do Parlamento, quen xa adiantara que se presentaría sempre e cando o seu pai non optase á reelección.
O anuncio sorprendeu este martes logo de que nas últimas xornadas Baltar asegurase que contaba co apoio da meirande parte dos alcaldes da provincia, logo dun persoal período de consultas. "É unha satisfacción que quen durante 20 anos estivo cuestionándome me pida agora que me quede", dixera Baltar, "non sei por que de repente teñen medo de que me vaia cando antes non lles servía". O político ourensán desvelou así definitivamente o seu futuro ao tempo que abriu o do partido, que deberá escoller un candidato que contente a todos a finais do vindeiro mes.