Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GANDEIROS UNIDOS

"Con permiso ou sen el, os tractores quedan en Compostela"

A delegación do goberno español denega o permiso para que os vehículos continúen en Salgueiriños. Agora comeza unha folga na entrega do leite.

Redacción - 17:54 17/12/2009
"Que veñan a desaloxarnos se queren cun guindastre", din Gandeiros Unidos /Imaxe: arquivo

"Que veñan a desaloxarnos se queren cun guindastre", din Gandeiros Unidos /Imaxe: arquivo

Cando se cumpren dez días das mobilizacións que en Santiago de Compostela están a protagonizar Gandeiros Unidos (GGUU) en demanda dunha xuntanza coa Administración e a Industria, a tensión increméntase por momentos. "O rural estase quentando moito e a crispación aumenta", dixo un dos portavoces do colectivo, Manuel Iglesias.

Permiso denegado
A Delegación do Goberno español rexeitou a petición de Gandeiros Unidos para manter os seus tractores na explanada de Salgueiriños, en Compostela. Ademais, tampouco lles deu permiso para realizar unha tractorada o vindeiro mércores 23 de decembro, tal e como tiñan previsto. Segundo explican denégase esa autorización porque se trata dos días nos que se celebran as festas do Nadal e estaranse ultimando os preparativos para o Xacobeo 2010.

Se ben os gandeiros aínda están a tempo de recorrer a denegación de ambos os dous permisos, xa adiantaron que "con autorización ou sen ela" permanecerán en Compostela. Manterán o seu milleiro de tractores na explanada do antigo mercado de gando malia que non lles concedan a autorización requirida porque, explican, "somos nós, os gandeiros, quen decidimos cando nos vamos e non o imos facer sen unha solución".

"Non lle estamos facendo dano a ninguén; estamos aparcados nun sitio público como calquera outro vehículo", asegurou Xosé Agra, "que veñan a desaloxarnos se queren cun guindastre". Con respecto á tractorada, non descartan facer a manifestación a pé, para evitar os posíbeis problemas provocados pola circulación dos vehículos polas rúas de Santiago.
 
Recollida do leite
Doutra banda, as protestas continúan este venres coa paralización da recollida de leite nas explotacións que secundan os actos promovidos por GGUU. Así o asegurou outro dos portavoces, Xosé Agra, quen explicou que o obxectivo é "que os gandeiros lle quiten á industria o que realmente lle está a dar cartos: o leite que nos están roubando".

Con estas mobilizacións continúan a exixir que a Administración convoque unha xuntanza coa industria e a distribución na que os propietarios das explotacións estean representados por Gandeiros Unidos. Ao tempo, piden que se fixe un prezo para o leite que lles permita facer fronte ás súas explotacións.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: