O reitor da Universidade Pública do País Vasco prevé que en 2012 poidan cursarse en éuscaro o 95% dos créditos obrigatorios das titulacións.
"O obxectivo é garantir que o 100% destas materias se poida realizar en éuscaro, sempre e cando haxa unha demanda suficiente, e por demanda suficiente entendemos que haxa 15 alumnos de nova matriculación". Así o explicou esta semana Iñaki Goirizelaia, reitor da UPV-EHU.
Segundo o máximo responsábel da institución vasca, nos próximos anos a meta será que en pouco tempo se amplíe a oferta en éuscaro dos posgraos baixo o principio de "paridade real" entre éuscaro, castelán e inglés. O reitor indicou así a súa satisfacción co actual grao de cumprimento do chamado Plan Director do Éuscaro, vixente até 2012, e que na actualidade xa conseguiu que o 90% dos créditos obrigatorios vaia poder cursarse nesta lingua o vindeiro curso. "Cando eu rematei a carreira no ano 81 parecía impensábel que chegásemos a acadar este escenario", felicitaba o reitor na súa comparecencia.