Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O OUTRO LADO DO DECRETO

A política lingüística remata co discurso monocorde do PPdeG

Mentres, Feijoo insiste en erixirse como o inventor do “centrismo lingüístico”, Xosé Manuel Baltar cre que as teses dalgúns dirixentes do partido son “insultantes”.

R.Vilar - 17:15 07/01/2010

Durante os últimos meses o PPdeG só tivo un verso solto no que respecta á lingua: Rafael Cuíña. Os seus artigos ou a súa presenza en manifestacións a prol do galego proeu, e moito, na cúpula conservadora. Mentres se xestaba o borrador do decreto, o resto do partido, aínda eufórico pola volta ao poder, permaneceu mudo. Mais na quietude das augas hai algunhas correntes submariñas. O último exemplo pódese ver nunha entrevista con Xosé Manuel Baltar que publica este xoves a edición galega de El País. O deputado ourensán afirma que algúns posicionamentos que defende Galicia Bilingüe e que apoia unha parte do PPdeG chegan a ser “insultantes”.

Aínda que en ningún momento cuestiona abertamente o novo borrador do decreto, Baltar, mergullado de cheo nunha batalla polo control de Ourense, intenta marcar territorio fronte á dirección do PPdeG: “A condición política de galego pasa polo defensa do propio, dende que nacemos, contraemos unha obriga coa nosa lingua, o símbolo máis claro da nosa especifidade”.

Pero o caso de Baltar non é nin moito menos unha excepción. Diferentes sectores do PPdeG, nada sospeitosos de ser partidarios de verdadeiras políticas de normalización, consideran que a dirección se equivocou gravemente ao facer “casus belli” do idioma. Para a maioría deles, a solución era doada: derrogar o decreto e volver a unha situación semellante á dos gobernos Fraga, enterrando definitivamente o debate de se as familias deben ou non decidir a lingua na que se escolarizan os fillos.

A pesar das críticas, Galicia Bilingüe logra o seu obxectivo prioritario
Galicia Bilingüe traballou arreo despois do 1-M. Unha vez gañadas as eleccións, o colectivo, que sintoniza con boa parte do chamado PP urbanita, presionou para que as familias dos escolares tivesen certa liberdade de elección. A cuestión non era menor. Máis que un problema de porcentaxes, a asociación sabía que esta era a maior vitoria que poderían lograr.

Pero, cal era a razón? A propia presidenta de Galicia Bilingüe deixou moi claro en maio porque lle daban tanta importancia á participación: Se os pais teñen dereito a elixir a lingua vehicular do ensino “dificilmente haberá marcha atrás”. O colectivo quería unha normativa que, en certo xeito, minase no futuro un decreto como o aprobado polo bipartito, estivese quen estivese na Xunta. E aí radica boa parte de éxito dos de Gloria Lago no actual borrador. Por vez primeira, os pais elixen a lingua de infantil e teñen, aínda que moi restrinxida, unha participación no resto dos niveis.

Feijoo busca sacar tallada electoral co “centrismo lingüístico”


Consciente de que a reforma do decreto é arma de dobre fío, o presidente da Xunta ensaia dende o anuncio do borrador o chamado “centrismo lingüístico”. Núñez Feijoo inventa un novo espazo para intentar eludir, e incluso rendabilizar, o forte conflito que se aveciña. Aferrado a esta estratexia, este mesmo xoves, nunha entrevista en RNE, aseguraba que o Goberno busca un “equilibrio” entre os defensores da normalización da idioma do país e os seus detratores. “O decreto é un antídoto a calquera extremismo”. Baixo este dogma de fe, Feijoo mete no mesmo saco a todo o que discrepe substancialmente da súa proposta.

O novo discurso non é froito da improvisación. O mesmo día da presentación do borrador o ambiente na nova sala de prensa de San Caetano era frenético. Rematado o Consello da Xunta, o presidente tardou media hora máis do previsto en comparecer diante dos medios. No estrado acompañouno o conselleiro Xesús Vázquez, entre o público o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, a poucos metros fóra da sala o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro e, nun recinto continuo, o seu “home clave” no Goberno: o pontevedrés Alfonso Rueda. Feijoo sabía ben que ía abrir a caixa dos tronos e, antes diso, intentou envolvela con papel colorido.


5/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Consciente de que o novo decreto vai crear tensións, Feijoo intenta transmitir unha imaxe de "mediador"
Consciente de que o novo decreto vai crear tensións, Feijoo intenta transmitir unha imaxe de "mediador"
Galicia Bilingüe ve como se cumpre en parte un dos seus principais obxectivos: que os pais teñan por vez primeira voz e voto
Galicia Bilingüe ve como se cumpre en parte un dos seus principais obxectivos: que os pais teñan por vez primeira voz e voto