O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) colaborará co goberno caboverdiano na estruturación e desenvolvemento das súas actividades pesqueiras.
Mellorar o nivel de vida das comunidades pesqueiras artesanais de Cabo Verde. Este é o obxectivo dun proxecto de cooperación que se levará á práctica a partir de febreiro e que se estenderá por un período de dous anos. A Fundación Cetmar e o Ministerio de Recursos Mariños daquel país asinaron o acordo que permitirá a posta en marcha deste proxecto que procurará o desenvolvemento, a estruturación e o fortalecemento da pesca artesanal caboverdiana.
Este proxecto conta co financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento e é froito das negociacións iniciadas pola anterior Consellaría de Pesca (hoxe Consellaría do Mar). Segundo se explicaba daquela, a perspectiva que se pretende aplicar é a da rendibilidade económica, a equidade social, a sustentabilidade ambiental e a seguridade alimentaria.
Como resultado das accións a desenvolver nos vindeiros dous anos, preténdese mellorar as capacidades técnicas das institucións que xestionan o sector da pesca artesanal de Cabo Verde e incrementar a súa capacidade de organización e autoxestión, mellorando a cooperación entre administración e mariñeiros. Tamén se pretende aumentar a rendibilidade dos procesos da cadea de valor do produto pesqueiro, mellorar as condicións de hixiene alimentaria e aumentar a capacidade técnica das institucións investigadoras.