A actualidade segue converxendo cara a un escenario que facilitaría a fuxida a mans foráneas das entidades financeiras galegas. O probábel recurso do goberno español á lei de caixas aprobada polo Parlamento xa é na práctica un obstáculo para o acceso ao fondo de reestruturación da entidade resultante da potencial fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Recordemos que a Comisión Europea puxo como límite o mes de xuño para o acceso a estas inxeccións de liquidez do Estado, e o atranco xudicial levaría a disputa máis aló desa data, botando por terra a operación.
Mais a belixerancia oficial do PPdeG fronte a este obstáculo contrasta coa posición oficial da dirección do Partido Popular. O gabinete de Mariano Rajoy, que gardaba un discreto silencio nas últimas semanas deixándolle facer aos de Feijoo, sacou outra vez este xoves á luz as regras que prefire para a partida. Así, o voceiro da área de Economía do PP, o ex ministro Cristóbal Montoro, explicou diante dos micrófonos da Cadena Ser que a súa formación é partidaria de reducir as competencias autonómicas en materia financeira. Sinalou Montoro que se trataría dunha medida "excepcional" no actual contexto de crise para facilitarlle ao goberno español que "tome a iniciativa para reordenar o mapa de caixas". A manobra de supresión competencial evitaría así as supostas "presións" dos gobernos autonómicos e permitiría a Madrid "promover esas fusións que doutra maneira quedan sempre no mesmo territorio", engadiu Montoro subliñando a súa posición a prol das chamadas fusións "interrexionais".
"Non se pode ir polas boas" Preguntado especificamente polo caso galego, onde a outra parte en conflito é xustamente o goberno do seu partido liderado por Núñez Feijoo, o ex ministro afrouxou a belixerancia, indicando que é "un caso no que os gobernantes autonómicos exercen a súa responsabilidade cunha visión como eles entenden que debe ser". Mais de igual xeito, amosouse implacábel na súa análise e afirmou que "esta é a España das autonomías, para o bo e para o malo, e para iso está o goberno de España". Ao fío, teimou en que o goberno español ten "a responsabilidade de ordenar o crebacabezas" financeiro e nesa liña ofreceu a colaboración do PP. Unha man tendida que tería o obxectivo inmediato de mudar a lei de caixas e que, engadiu, "xa se debera ter feito". "O saneamento das caixas vai demasiado lento,
demasiado polas boas", queixouse Cristóbal Montoro.
Non é a primeira vez que o máximo responsábel da área económica do PP se pronuncia neste sentido. De xeito específico, o ex ministro pasa por ser un dos principais valedores da operación de fusión a tres bandas que deixaría a Caixa Galicia baixo o acubillo de Caja Madrid nunha macrofusión na que entraría tamén a Caja de Ahorros del Mediterrráneo (CAM). Manobra que crearía un poderoso músculo financeiro a nivel estatal controlado por tres gobernos que, no momento actual, están liderados polo PP.