Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Deben pagar 35 mil euros antes do venres

Os Tres do Eixo topan cunha nova pedra no seu 'via crucis' persoal

Ademais de se adiar o indulto prometido polo ministro de Xustiza, agora teñen que facer fronte a unha nova multa: a dos xuros por demora no pagamento da indemnización.

Fernando Arrizado - 13:30 08/02/2010
Cartaz na Quintana, en Compostela

Cartaz na Quintana, en Compostela

35 mil euros. Esa é a cantidade que deberán desembolsar os Tres do Eixo -Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro- antes do vindeiro venres de non querer ver embargadas as xa súas poucas propiedades logo de pagaren a multa de 156.620 euros -ademais da condena de sete anos de cárcere- estabelecida en 2003.

O diñeiro correspóndese, segundo a xustiza, cos xuros acumulados pola demora no pagamento -uns tres anos-, tempo que discorreu entre recursos á sentenza condenatoria. Cunha economía completamente minguada, os Tres do Eixo están abocados a perder vivendas e salarios.

Xosé Manuel Bocija, secretario e portavoz da Asociación de Veciños Domingo Cepeda da parroquia compostelá, di que levan uns días recadando cartos, "sobre todo entre os veciños", e que agardan tamén a colaboración dalgunhas asociacións e mesmo de partidos políticos.

A solidariedade popular, lembra , xa deu para pagar un terzo daqueles máis de 156 mil euros e, malia o "cansazo", confían en que a axuda se repita de novo. "Son eles realmente que o están pasando mal de verdade", asegura.

Hai, con este fin, unha conta de Caixa Galicia aberta para os que desexen facer a súa achega, que "por pequena que sexa sempre axuda". O número é o 2091 0348 12 3040012185. Neste senso, poden ampliar máis a información na web ostresdoeixo.info

O indulto prometido adíase
Montoiro, Márquez e Moreira seguen á espera do arelado indulto por parte do goberno español. Membros da Asociación de Veciños mantiveron unha xuntanza co ministro de Xustiza ao respecto en xuño de 2009. Francisco Caamaño prometéralles daquelas que unha vez lles fose concedido o terceiro grao -algo que aconteceu hai medio ano- levaría o caso ao Consello de Ministros.

"Estamos tranquilos desde o punto de vista social. Polo que sexa (Caamaño) non puido ou non quixo tramitar aínda o indulto. Mais contamos coa súa palabra, e a palabra dun ministro supoño que aínda vale algo", comenta Bocija. Porén, hai certa preocupación por que se lles poida retirar o terceiro grao, dado que o réxime penitenciario non se consolida, isto é, revísase cada seis meses.

"A situación é esperpéntica e non ten razón de ser", quéixase o voceiro do colectivo veciñal do Eixo. "Levo máis de dous anos seguindo todos os indultos que saen no BOE, e sorprende ver como a maioría se conceden a traficantes de droga con penas de entre cinco e sete anos de cadea", laméntase Bocija.

Concorda o presidente da Asociación de Veciños do Castiñeiriño, Lois Calvelo, que asegura que esta excarceración "é constante, sen que haxa ningunha queixa dos sindicatos policiais". Precisamente, di son estas centrais as que "están a presionar para que non se lles conceda o indulto" aos Tres do Eixo. "Hai sectores da cidadanía, neste caso a Policía, que semellan ser intocábeis", di.


Máis información:


3,57/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: