O Igadi publica un informe, que pretende ser anual, onde analiza os principais retos das relacións internacionais de Galiza neste ano.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) acaba de publicar o primeiro informe anual 'IGADI WW- We in the World 2010: Nós no Mundo', baixo o título A acción exterior na axenda galega, un documento que pretende sensibilizar sobre os principais parámetros e retos da acción exterior de Galiza neste ano.
Segundo indican desde o organismo que dirixe Xulio Río, o 'IGADI WW 2010' -que complementa o seu relatorio anual sobre os problemas do sistema internacional contemporáneo- "reúne unha serie de análises e reflexións sobre diversas áreas de actuación para a acción exterior de Galiza, o seu estado actual e as prioridades e retos a curto e mediano prazo, nun marco de pluralidade".
Entre as cuestións sobre as que se reflexiona e os seus autores están: as potencialidades da posta en marcha por parte da Xunta do Consello de Acción Exterior (Xulio Ríos); das implicacións dos secuestros dos mariñeiros galegos e da urxencia de dotarse de mecanismos para afrontar estas situacións desde o país (Martínez Puñal); dos principios para a internacionalización das empresas galegas (Fernando Bruna); e dos retos ante a Política Pesqueira Común da UE (Xavier Vázquez).
Portugal e o mundo lusófono
Tamén: o peso de Portugal e o mundo lusófono, principalmente centrado na análise da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal (Celso Cancela Outeda); a conveniencia de abrir unha delegación da Xunta en Lisboa (Gonzalo Mitchell Tenreiro); e o Brasil emerxente como oportunidade para Galiza (Raúl Juste Lores).
Os novos desafíos para a cooperación ao desenvolvemento (Carlos Teijo García); o preocupante déficit demográfico galego (Manuel Blanco Desar); os retos ante as transformacións do sistema educativo europeo (Iván Area); e o peso de Galiza no Foro de Cultura de Paz 2010 a celebrarse en Compostela (Manuel Dios Diz), completan as análises sobre a dimensión internacional do noso país.