O presidente afirma tamén que está aberto a cambios nas bases do decreto lingüístico sempre e cando respecten o "equilibrio" entre castelán e galego.
Se hai caixa única, tanto A Coruña como Vigo van ter un reparto semellante do organigrama da mesma. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegura que o Goberno ten pensado unha distribución de sedes entre as dúas cidades máis habitadas do país. Feijoo pretendería rematar así coa guerra Norte-Sur, na que nos últimos meses están embarcados políticos, empresarios e incluso medios de comunicación. Poren, na entrevista que lle concede este domingo a El País, o presidente non desvelou como se produciría este reparto.
O máximo dirixente galego insiste en que o único obstáculo para a fusión é o goberno español. Feijoo pídelle ao PSdeG que se desmarque de Ferraz e se sume a PPdeG e BNG na loita pola fusión. A este respecto, volveu a asegurar que aínda que dende o seu partido lle pedisen outras opcións para as caixas galegas, non aceptaría que o centro de decisión estivese fóra do país.
O crebacabezas do decreto
"Temos aberto un período de propostas e estámolas a valorar para lograr un decreto onde prime o equilibrio entre as dúas linguas e a ambición de introducir un idioma estranxeiro". A pesar da treboada de críticas que lle están a caer nos últimos dous meses, Feijoo mantén que o Goberno garantirá o "equilibrio" lingüístico, pechándolle a porta a calquera discriminación positiva a prol do idioma propio.
Con respecto ao decreto do bipartito, o actual presidente di que "non había equilibrio, e era o decreto da imposición no sentido de que os alumnos debían dirixirse ao profesor e facer os exames na lingua que determinase a Administración. Cometeuse o erro de pensar que Galiza non era bilingüe e o actual intenta volver ao bilingüismo e a liberdade".
A respecto das mobilizacións sociais contra o decreto Feijoo é moi claro: "Os que se manifestaron teñen o meu respecto pero eles están dacordo coa política lingüística do anterior goberno e nós non. Neso consiste a democracia, os que se manifestan contra a política lingüística están coa Xunta na súa política financeira".
Para 2011 o obxectivo son as deputacións e derrubar algúns gobernos das cidades
Tal e como mantén dende a chegada ao poder, para o PPdeG as eleccións locais do vindeiro ano son cruciais. O obxectivo último, como reitera nesta última entrevista Feijoo é recuperar as deputacións da Coruña e Lugo. A outra gran aposta é entrar no goberno das cidades: "Se son cinco ou seis, pois non o sei"