A ONU pide que Albania acepte investigar a suposta extirpación por parte de guerrilleiros kosovares en 1999, durante o conflito.
Thaçi e outros membros do UÇK
Albania debe estar aberta a unha investigación independente sobre un posíbel tráfico de órganos que supostamente foron extirpados de prisioneiros serbios no verán de 1999, durante a guerra de Kosovo, declarou a pasada semana en Tirana Philip Alston.
O relator especial de Nacións Unidas para as execucións extraxudiciais ou sumarias sinalou que "o goberno albanés non fixo ningún esforzo por colaborar neste asunto, e todas as explicacións ofrecidas non foron máis que un xogo de ping pong burocrático e diplomático".
O ano pasado, Tirana bloqueou unha investigación do fiscal serbio Vladimir Vukcevic en Albania. Este dixo atopar probas que confirmaban un tráfico de órganos extirpados por guerrilleiros kosovares a prisioneiros serbios durante e despois do conflito de 1998-1999 en Kosovo.
Acusacións de Carla del Ponte
Nun libro titulado A caza e publicado en 2008, a ex fiscal do Tribunal Penal Internacional (TPI) para a ex Iugoslavia, Carla del Ponte, apuntaba que os guerrilleiros kosovares sacaron os órganos duns 300 prisioneiros, principalmente serbios, secuestrados en Kosovo e transferidos a Albania. Porén, non o denunciou formalmente mentres ocupou o cargo.