Lamenta a crecente substitución de mariñeiros galegos por profesionais doutras nacionalidades sometidos a unhas condicións laborais e salariais indignas.
A CIG-Mar denunciou en diversas ocasións situacións de "moderna escravitude" no mar
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei pola que insta ao goberno español a vencellar as axudas públicas outorgadas á pesca co mantemento do emprego e as condicións laborais dignas. Refírese ás axudas públicas concedidas “en concepto de modernización da flota, realización de campañas experimentais ou calquera outra acción”.
Fernández Davila recorda que “nos últimos anos está a constatarse un proceso de substitución de mariñeiros galegos na flota de palangre de superficie que faena nos caladoiros do Índico, Atlántico e Pacífico por tripulantes doutras nacionalidades que están sometidos a unhas condicións laborais e salariais indignas”. Así, reclama a adopción de medidas que eviten estes salarios e promovan a verdadeira modernización do sector pesqueiro.