A Unesco publica un estudo, elaborado durante 12 anos, sobre a presenza das linguas na rede e a metodoloxía para a medir. A intención, sensibilizar a sociedade civil.
Durante os 12 anos transcorridos entre 1996 e 2008, baixo encargo da Unesco, un grupo de investigadores da Fundación Redes e Desenvolvemento (Funredes) e de Unión Latina dedicáronse a medir a presenza das linguas na internet e a súa evolución.
O resultado acaba de ser publicado baixo o título Doce anos medindo a diversidade lingüística en internet: balance e perspectivas, e é continuación dun estudo previo da Unesco lanzado con motivo da Cume Mundial Sobre a Sociedade da Información de 2005.
A publicación -centrada en linguas latinas, no alemán e no inglés- describe a metodoloxía usada, tal como o uso de motores de procura, e é crítico coa "ausencia de rigor académico" co que o tema foi tratado con anterioridade.
O galego, ante o inglés e o castelán
A intención é, entre outras cousas, contribuír a sensibilizar a sociedade civil sobre a diversidade lingüística no ciberespazo.
No caso do galego, clasificado no apartado de "Linguas locais de países desenvolvidos (como o sardo, o galés ou o frisón)", salienta que "está ameazado tanto pola presión do inglés como da súa lingua nacional (en referencia ao castelán)".
Ao respecto, sinala que "o diagnóstico é incerto sen unha política lingüística virtual". "Cada caso varía e depende das súas especificidades, aínda que o caso do catalán é un exemplo frutuoso, tanto a nivel virtual como non virtual".