Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE ADEGA

A factoría de Alcoa orixina unha alta contaminación por fluoruros

As medicións revelan que as emisións abranguen uns tres quilómetros de radio e superan os límites máximos indicados para humanos.

Redacción - 18:45 16/03/2010

A contaminación por fluor na zona de influencia de Alcoa (San Cibrao) deixouse sentir inmediatamente despois da súa posta en funcionamento. As denuncias ao respecto foron moitas durante os últimos anos, tanto que até o ano pasado a factoría foi condenada polo xulgado de Primeira Instancia de Viveiro a indemnizar con máis dun millón de euros a un grupo de 51 veciños da parroquia de Lago (Xove). A sentenza entendía que a emisión destes niveis, aínda que están dentro da legalidade, orixina un prexuízo claro.

Agora é Adega quen presenta un informe que revela o mantemento dos altos niveis de fluoruros, unha contaminación que abrangue até tres quilómetros de radio dende o lugar onde está situada a factoría. Estes datos parten das análises realizadas ben a iniciativa dos veciños, ben por parte das investigacións da edafóloga da Universidade de Santiago (USC), Esperanza Álvarez Rodríguez.

Intoxicación en persoas e ambiente
Segundo estes estudos, a emisión de partículas con alto contido en fluoruros por parte da fábrica de aluminio é a responsábel desa contaminación, máis intensa canto menor é a distancia á factoría. Os efectos que os altos niveis de fluor poden chegar a provocar nos humanos intoxicación crónica que pode dar lugar a diversos problemas de saúde, entre os que destacan a fluorose dental e a fluorose esquelética. Asemade, provoca outros tantos prexuízos sobre as plantas, sobre o gando, sobre a auga doce ou no medio mariño.

Os índices atopados nas proximidades da factoría da Mariña aconsellan non beber da auga dos pozos sen realizaren análises periódicas. Asemade, Adega informa de que deben ter especial coidado os nenos menores de oito anos polo risco de fluorose dental e as persoas con insuficiencia renal pola súa maior tendencia a acumular fluor. Ademais, estas partículas sedimentan na vexetación da zona e contaminan os animais herbívoros, fundamentalmente as ovellas. Nos meses máis secos a contaminación das augas de chuvia, escorrido e pluviolavado é maior, aínda que os niveis en augas superficiais son normais.

Sen estacións de control públicas
Se ben a Xunta de Galiza ten situadas estacións de control da contaminación nos arredores da fábrica de aluminio, están abandonadas. Mentres, é unha estación da propia Alcoa a que fai as medicións e é a propia factoría quen informa sobre a contaminación que produce. Os ecoloxistas denuncian o desleixo por parte da Administración, así como a súa inoperancia, “cando non complicidade” coa empresa.

Exixen da Xunta e de Alcoa que tomen as medidas precisas para garantir a saúde do ambiente e das persoas e piden que se poñan en marcha canto antes controis das emisións atmosféricas por parte de organismos independentes. Asemade, Adega reclama controis das emisións atmosféricas, análises dos produtos da horta e das augas dos pozos e fontes próximas e indemnizacións polos danos xa causados e polo lucro cesante para os gandeiros. Finalmente, demandan melloras tecnolóxicas e investimentos por parte da empresa para evitar as emisións de fluoruros á atmosfera.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



É a propia Alcoa quen informa dos niveis de contaminación que detecta a súa propia estación de control
É a propia Alcoa quen informa dos niveis de contaminación que detecta a súa propia estación de control
As plantas acumulan a fluorose nas súas follas
As plantas acumulan a fluorose nas súas follas
E os animais acumúlano nos seus ósos / Imaxes: Adega
E os animais acumúlano nos seus ósos / Imaxes: Adega