Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Nación

Incapacidade, contradicións e frivolidade, resume Aymerich

No canto de máis promesas logo das incumpridas, "rectifique", esíxelle o voceiro parlamentario do BNG ao presidente da Xunta.

Redacción - 19:45 16/03/2010

"Un conselleiro de Cultura perdido no “Desván los Monjes”; un conselleiro de Industria que fabrica en Portugal; unha Directora Xeral de Traballo que despide ilegalmente á traballadora que tiña sen contrato e sen seguro...", repasou o voceiro do grupo parlamentar do BNG no inicio da súa intervención. "Este é, señoría, o goberno “10” do que vostede fachendea?", ironizou, chanceando sobre o suposto goberno "forte, austero e cohesionado arredor dun liderado" no que insistira en prometer Alberto Núñez Feijoo no inicio da súa pilotaxe á fronte da Xunta. "Non encontrou vostede nada mellor para dirixir este país na peor crise das últimas décadas?", interpelouno.

Na súa intervención, Carlos Aymerich chamou o presidente da Xunta a "rectificar" e a deixar de facer novas promesas logo das incumpridas. "No canto de fuxir cara a adiante" o portavoz nacionalista instou a Núñez Feijoo a procurar "puntos de encontro e posicións comúns perante asuntos de país". "Iso é o que agarda de nós a inmensa maioría do noso pobo", subliñou. No seu repaso á actividade do Goberno durante o último ano, Aymerich sinalou que "lonxe de atallar a crise",a día de hoxe hai 30 mil parados máis e "lonxe de mellorar os servizos públicos" a Xunta actual "é responsábel do seu deterioro". Para o deputado nacionalista, a actividade fundamental do equipo Feijoo os últimos once meses baseouse en "destruír e eliminar as conquistas do anterior, cunhas actitudes, ademais, que lembran perigosamente aos anos máis escuros do fraguismo".

Na opinión do portavoz do Bloque, o executivo liderado por Feijoo parece máis preocupado "polo que opinan en Madrid que polas necesidades de Galiza". De paso, acusouno de incapacidade no estabelecemento de relacións co Estado, reprochándolle que "fracasou" na negociación do modelo de financiamento autonómico, na negociación de novas infraestruturas e que "está a fracasar na negociación na Lei de Caixas". Sobre este último punto, esixiulle "máis firmeza" e pasar das declaracións aos feitos. Segundo o portavoz nacionalista, o Goberno debera abandonar as negociacións e presentar o recurso contra o FROB, comprometéndose con firmeza en aplicar a lei e "apostar pola construción dunha nova caixa para toda Galiza, rexida por unha nova lei e con novas persoas á fronte".


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: