Unha palestra da directora de proxectos do Comité español da UNRWA abordará esta cuarta feira en Cambre o conflito no territorio palestino.
A UNRWA axuda tamén na educación
Palestina: o conflito desigual e a paliación das consecuencias é o título da xornada que se desenvolverá esta cuarta feira en Cambre (A Coruña) sobre o conflito no territorio palestino, organizada polo Igadi, polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e polo Concello de Cambre no Centro Sociocultural do Graxal.
Abordarase a cuestión desde dúas perspectivas: por unha banda, "a complexidade do conflito entre Israel e Palestina", e pola outra, o traballo do Comité Español da Axencia das ONU para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) co apoio de municipios do país e da Xunta.
Cal futuro para Palestina?, a cargo do analista do Igadi e colaborador de Vieiros, Roberto Mansilla, será a primeira das palestras. A segunda, A UNRWA en Palestina: os proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, será ofrecida por Carmen Quintana Gundín, directora de proxectos do Comité español da UNRWA.
Xornada en Lugo
Esta segunda palestra repetirase ao día seguinte, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -onde o Igadi ocupa a secretaría xeral- xunto coa Deputación de Lugo e voluntarios da cidade, no local social de Caixa Galicia, ás 19.30 horas en Lugo.
O Igadi asinou un convenio marco coa UNRWA o 19 de xullo de 2006, polo que o instituto de análise internacional foi recoñecido como "centro de referencia" da axencia das Nacións Unidas en Galiza.
En virtude deste acordo, elabora periodicamente diversas actividades co fin de sensibilizar a sociedade galega sobre a problemática da poboación civil nos territorios palestinos militarmente ocupados por Israel.