O PSdeG asegura ter probas de que, nos últimos meses do ano pasado, o departamento asinou convenios por este importe con algunhas empresas de comunicación.
A austeridade que tanto predicou nos primeiros meses o novo Goberno non é, nin moito menos, tal e como parece. Así o denunciou este domingo a parlamentaria socialista, Marisol Soneira, que asegura ter probas de que só a Consellaría de Pesca gastou 3,6 millóns de euros nos últimos catro meses de 2009 en convenios asinados con “distintos medios e organismos, públicos e privados”. Desta gran suma económica, un total de 799 mil euros foron parar nese período directamente a medios de comunicación que fixeron especiais ou publicitaron campañas de acuicultura. Soneira tildou a actuación do departamento que dirixe Rosa Quintana de “desbalde” propagandístico e anuncia que acudirá ao Parlamento para que se coñezan pormenorizadamente estas actuacións.
Dende o PSdeG afirman que parte destes fondos (116 mil euros) foron parar a unha sociedade limitada que ten como encargo organizar unha feira acuícola “mentres, pola contra estrangula as empresas interesadas en investir en acuicultura negándolles a posibilidade de facer o que é propio dunha empresa nun sistema económico capitalista: investir, producir e xerar actividade económica, e crear emprego”.
Soneira tamén puxo énfase no feito de que a Xunta mercase “un vehículo de alta gama para uso exclusivo da conselleira, con cargo a Portos de Galicia, cando había 17 coches que poderían cumprir con moita dignidade as necesidades de transporte”.
O PSdeG rexistrou xa varias preguntas no Parlamento para que a conselleira explique as razóns do dispendio en publicidade e propaganda e os criterios para distribuír as partidas económicas entre algúns medios de comunicación.