Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
OSIMGA

O novo observatorio TIC da Xunta ten aínda moita "modernización" por facer

As microempresas e a cidadanía en xeral seguen á cola no uso de internet, mentres que a mocidade supera a media do Estado Español.

Redacción - 17:06 22/03/2010
Integrantes do primeiro pleno do OSIMGA

Integrantes do primeiro pleno do OSIMGA

A secretaria xeral de Modernización presentou este luns o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), que substitúe os anteriores OGSI e OCEG. Foi, ademais, a primeira xuntanza do pleno que rexe o novo organismo.

O acto serviu tamén para presentar os últimos informes sobre a situación da sociedade da información en Galiza, e que coordinará a partir de agora o OSIMGA. Os últimos datos, do ano 2009, sinalan que o país xa adianta a media estatal no grupo de idade de 16 a 24 anos no uso de computador, de internet e das compras en liña. Así, a porcentaxe de xente nova que usou un ordenador no último trimestre foi do 95,4% fronte ao 93,7 do Estado Español.

Porén, eses son os únicos datos positivos, pois o nivel de equipamento e uso de novas tecnoloxías entre a cidadanía e entre as microempresas galegas segue moi por detrás da media estatal. Así, o 58,5% dos fogares galegos dispón de ordenador, 7,8 puntos menos ca no Estado Español. No último ano a dispoñibilidade de portátiles nos fogares do país medrou oito puntos, fronte a un estancamento dos computadores de escritorio.

Tamén salientan os crecementos das compras por internet, con 3,8 puntos máis con respecto a 2008, mentres se consolidan a lectura de xornais en liña, busca de viaxes e aloxamento e descarga de software. Máis da metade da poboación xa fai uso de chats, blogs, grupos de noticias e fotos de discusión, lixeiramente por debaixo da media estatal.

No eido empresarial, practicamente todas as compañías de 10 ou máis traballadores dispoñen de computador, e case o 93% dispón de conexión á internet -o 89,3% de banda larga. Superan a media estatal no uso da sinatura dixital, cun 54,8%. Galiza tamén avanza amplamente no uso do software libre, grazas ao labor da desactivada Mancomún. Usan Linux o 10,1% das empresas de máis de 10 empregados fronte ao 8,9% estatal. Ademais, o crecemento interanual deste indicador foi do 23,2%. Non acontece o mesmo coas microempresas: só o 57% dispón de computador e o 46,7% de conexión á internet. Acurtouse a distancia coa media estatal, mais aínda segue sendo de 9 puntos porcentuais.

Os datos de uso de Administración Electrónica son máis alentadores: Galiza é a terceira comunidade autónoma no seu uso no que se refire á consulta de información en webs oficiais e a quinta na descarga de formularios oficiais. No ámbito educativo, a media de alumnos por computador é de 6,3, preto do 6,1 estatal, mentres que a práctica totalidade dos centros de ensino dispoñen de internet, un 75% a través da banda larga. Na sanidade, a receita electrónica acadou o 63,8% e a imaxe médica dixital ao 90%.

Pola súa banda, a finais de 2009 había no país 1.452 empresas dedicadas ao sector TIC, que lles daban emprego a 16.327 persoas, o 1,59% da poboación ocupada.

O pleno do Osimga está presidido por Mar Pereira e integrado por outros membros da Xunta, con representación das consellarías de Economía e Industria, Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Facenda e do Instituto Galego de Estatística. Contan tamén con representantes o goberno español, as universidades públicas galegas, a Fegamp e dúas "personalidades de recoñecido prestixio": o xornalista Enrique Dans e o ex-conselleiro Dositeo Rodríguez.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: