A actual campioa de África está dirixida polo galego Pablo Prieto, director deportivo do Azkar Lugo até 2009.
Pablo Prieto adestra a Libia
O encontro de fútbol sala que enfrontará as seleccións nacionais de Galiza e de Libia foi presentado este luns na Deputación de Lugo polo delegado de Deportes, Antonio Veiga (BNG), que estivo acompañado do delegado da Federación Galega de Fútbol Sala, Manuel Martínez, e da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.
No pavillón municipal de deportes desta localidade da Terra Chá será onde este mércores a Irmandiña reciba a actual campioa de África, que dirixe o que até o ano pasado foi director deportivo do Azkar Lugo, Pablo Prieto.
O amigábel dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será gratuíta para todos os asistentes. Segundo informan desde o Concello de Guitiriz, aceptaranse doazóns para os damnificados polo terramoto de Haití.
"Sen apoio da Xunta"
Durante a presentación, Antonio Veiga afirmou que "a creación das seleccións galegas foi todo un logro deportivo acadado hai anos froito das constantes reivindicacións sociais por parte dos clubs, xogadores e xogadoras e seareiros e seareiras".
"É importante, nestes momentos en que estes combinados perderon o apoio institucional da Xunta, pular para que Galiza siga contando con seleccións deportivas nacionais que disputen encontros deste tipo", engadiu o delegado de Deportes da Deputación de Lugo.