A madrugada deste sábado volvemos aplicar o horario de verán, que fai de Galiza o único país de Europa con tal diferenza entre o reloxo e o sol.
A noite do sábado 27 ao domingo 28 vólvese mudar a hora para entrar no horario de verán. Deste xeito, os reloxos galegos, os máis adiantados de Europa, desfasaranse 60 minutos máis con respecto ao sol, contrarrestando o suposto aforro enerxético que supón a mudanza, que se aplica dende a crise do petróleo de 1974.
Alén do escaso aforro, da incomodidade do cambio e de ter que padecer unha hora menos de domingo, durante os sete meses que dura o horario de verán, practicamente toda Galiza, agás a faixa máis oriental, ten a dubidosa honra de compartir só coa illa ártica de Jan Mayen un desfase de máis de dúas horas e media entre a hora oficial e a natural, o que fai, que na práctica, sexamos os máis madrugadores -sen sabelo- e onde aparentemente se pon o sol máis tarde, sen ter en conta o "sol de medianoite".
Na práctica, Galiza pódese contar entre os escasos lugares do mundo -se é que hai outro- en que en primavera o sol sae despois das oito da mañá. No inverno o desfase é de "só" máis dunha hora e media, que compartimos tamén co extremo occidental de Islandia, que non ten mudanzas anuais de horario.
Como acontece puntualmente dúas veces ao ano, é o momento de lembrar a tantas veces repetida reivindicación de racionalizar o horario do país e asumir a mesma hora que teñen outros territorios na nosa mesma lonxitude, como Portugal ou Irlanda, que aínda así xa están unha hora por diante da que lles correspondería estritamente.
A adopción do horario centroeuropeo, ou de Berlín, estendeuse ao occidente de Europa a partir da Segunda Guerra Mundial. Ese "horario único europeo" aplicado a un territorio tan extenso só se pode comparar ao que se dá na China, onde todo o país comparte hora. Dese xeito, a situación de Galiza e o seu desfase horario, acrecentado no verán, só é comparábel á que se dá no extremo occidental da rexión autónoma Uigur de Xinjiang,
Na Wikipedia pódense consultar dous mapas que reflicten graficamente a diferenza entre a hora oficial e a solar en Europa, tanto no inverno como no verán, onde Galiza aparece cunha cor rechamante.