Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CAMBIO NA TESOURARÍA DO PP

Romay, líbranos de todos os males

Acurralado polo escándalo Gürtel, Rajoy bota man do seu padriño político, do home que deseñou o futuro político de Feijoo e que aos seus 76 anos segue a ser o tótem da dereita coruñesa.

Ramón Vilar - 19:50 08/04/2010

Entender a historia interna da dereita galega contemporánea sen concederlle un papel de protagonista é imposíbel. Odiado e amado a partes iguais nas filas conservadoras, o nome de Xosé Manuel Romay Beccaría segue poñendo firmes a uns e en garda a outros. Non é para menos, aos seus 76 anos este betanceiro xa foi de todo na vida: membro da tecnocracia franquista, vicepresidente da Xunta, presidente da Deputación da Coruña, ministro con José María Aznar...e, sobre todo, amo e señor da dereita coruñesa dende hai case tres décadas.

Os que o coñecen non lles estraña o máis mínimo que Mariano Rajoy se volvese a acordar del (nunca estivo esquencido). Este mesmo xoves, o pontevedrés, acurralado polos escándalos da trama Gürtel, anunciou que o proporá para tesoureiro estatal do partido. Nos momentos máis convulsos os manuais políticos aconsellan buscar refuxio en porto seguro, rodearse dos máis próximos, dos que nunca fallan porque son como da familia.

Romay Beccaría está afeito a exercer de "padriño político". A biografía do propio Mariano Rajoy sería ben distinta se no seu momento non tivese soprado ao seu favor. Romay viulle madeira a aquel novísimo deputado pontevedrés e apostou por el sen dubidar en cortar cabezas para abrirlle paso. E así chegou a irresistíbel ascensión: presidente da Deputación de Pontevedra con 31 anos, vicepresidente da Xunta poucos meses despois e secretario xeral de Alianza Popular en Galiza. As estacións previas para entrar no corazón da rúa Xénova estaban percorridas.

Señor na paz e na guerra
Como preboste da dereita galega, Romay nunca quixo máis galos no galiñeiro. Afeito a mandar comprobou como a chegada de Manuel Fraga a Galiza en 1989 lle restaba certo protagonismo mediático (aínda que este nunca minguou de portas para adentro). Compartiu consellos da xunta no primeiro executivo do de Vilalba co que sería o seu gran inimigo político: Xosé Cuiña. A rivalidade xa era anterior: Romay opuxérase, sen logralo, a que o de Lalín fose presidente da Deputación de Pontevedra.

Dende principios dos 90, con Fraga como gran timonel da dereita galega, a guerra dentro estaba servida e os bandos ben definidos: a un lado o chamado sector do "birrete" (encabezado por Romay) e noutro o da boina (comandado por Cuíña). O de Betanzos sempre creou a súa propia canteira política. En 1991, como conselleiro de Agricultura fichou para o seu gabinete a un novísimo Feijoo (30 anos) e levouno canda si poucos meses despois para a Consellaría de Sanidade como secretario xeral.

En 1996 José María Aznar chega á Moncloa e bota man dun Romay Beccaría que ve como en Galiza lle come terreo o seu sempiterno rival Xosé Cuiña. O presidente español ofrécelle refuxio e aval como ministro de Sanidade (Rajoy ocupará a carteira de Administracións Públicas nese goberno). Romay leva canda si á súa particular promesa (Núñez Feijoo) que se converterá en número dous de facto do ministerio.

Co 'Prestige', xaque mate
A crise do 'Prestige', con masivas mobilizacións sociais, fai abanear o goberno galego e pon en apretos a un executivo español que intenta minimizar publicamente os efectos da catástrofe. Nun PPdeG conmocionado e sorprendido polo clamor da cidadanía, aumenta a intensidade da batalla interna. Cuiña e os seus partidarios intentan xestionar a crise de xeito autónomo, Madrid (con Rajoy como número dous de Aznar) oponse radicalmente. O "cuiñismo" sempre sostivo que o entorno de Romay foi o encargado de filtrar un "dossier" á prensa no que se acusaba o ex conselleiro de se beneficiar coa venda de material para limpar o fuel do Prestige. Aínda que posteriormente unha comisión parlamentaria concluiría que non existían irregularidades no caso, o de Lalín xa perdera a batalla pola sucesión de Fraga.

A marea que levou por diante a Cuiña pechaba un ciclo na dereita galega. Un 18 de xaneiro de 2003 facíase público o nome do tapado de Romay Beccaría: Núñez Feijoo, que pasaba a ocupar a Consellaría de Política Territorial. Cando tres anos despois, perdida a Xunta, Feijoo tivo que pelexar pola presidencia do PPdeG fronte a Cuiña e Xosé Manuel Barreiro, encargouse de facer un varrido na provincia da Coruña para buscarlle apoios mentres Rajoy desactivaba os núcleos resistentes en Pontevedra. Ourense, a "última provincia rebelde" capitulou ao ver que a vitoria contra o birrete era imposíbel.

Despois de Romay, os seus discípulos
Alcaldes da provincia da Coruña consultados por Vieiros recoñecen que a ascendencia de Romay nunca cesou. Un exemplo é que nas últimas eleccións autonómicas percorreu numerosas comarcas para reunirse en privado con rexedores e concelleiros. A consigna era clara: é posíbel derrotar o bipartito. O seu teléfono aínda soa estes días, dende diferentes recunchos da provincia piden a súa beizón os que queren figurar nas listas das vindeiras municipais.

Os que o coñecen persoalmente din que Romay, moi vinculado ao Opus Dei, é un home de trato moi correcto e agradábel: "nunca ten unha mala palabra, outra cousa é que por atrás non pare de maquinar". Para os seus é case un guía espiritual, un mestre. El mesmo o dicía nunha conferencia hai ben poucos días na Coruña: "Teño discípulos mellores ca o mestre". Non lle faltaba razón: o presidente Núñez Feijoo; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; a de Sanidade, Pilar Farjas; o novo líder provincial do PP coruñés, Carlos Negreira... a lista de acólitos entre a nova clase dirixente 'popular' é interminábel. Eis a súa penúltima vitoria.


4,71/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Romay Beccaría
Romay Beccaría
Aznar rescatou no seu primeiro goberno a un Romay e un Rajoy que perdían terreo en Galiza
Aznar rescatou no seu primeiro goberno a un Romay e un Rajoy que perdían terreo en Galiza
Dende os 30 anos, a carreira política de Feijoo estivo ligada á sorte de Romay
Dende os 30 anos, a carreira política de Feijoo estivo ligada á sorte de Romay
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, é unha muller moi próxima a Beccaría
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, é unha muller moi próxima a Beccaría
Pilar Farjas é a outra das conselleiras que contan co aval do político de Betanzos
Pilar Farjas é a outra das conselleiras que contan co aval do político de Betanzos