Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Sociedade 2.0

O éxito dos filmes pódese prever a través das redes sociais

Un equipo de HP demostrou que pode predicir a recadación da primeira fin de semana en cartel con só analizar as mensaxes de Twitter.

Redacción - 13:05 12/04/2010
Cartaz de 'Avatar'

Cartaz de 'Avatar'

As redes sociais tamén poden servir para facer predicións sobre o éxito que terán nas salas os próximos lanzamentos cinematográficos. Cando menos, iso derívase dun estudo realizado pola empresa HP, que analizou mensaxes publicadas no servizo de mensaxes curtas Twitter.

Investigadores da compañía repasaron tres millóns de mensaxes relativos a 25 filmes, entre eles Avatar. Descubriron que a frecuencia en que se producían as mensaxes servía para predicir as vendas nos despachos de billetes antes da estrea. Unha análise máis detallada do contido dos textos tamén axudaba a determinar o futuro éxito.

Segundo o xefe do laboratorio de informática social de HP, Bernardo Huberman, en declaracións á BBC, as súas predicións "foron incribelmente acertadas". Así, o sistema asegurou que o filme de zombis 'The Crazies' ía recadar 16,8 millóns de dólares na primeira fin de semana. Obtivo 16,06.

O equipo desenvolveu algoritmos para analizar os 'tweets' e medir a súa frecuencia, chegando á conclusión de que "canto máis rápido se enviaba unha mensaxe, máis probabilidades había de ir ver o filme".

Porén, Huberman recoñeceu que a técnica non é válida para analizar calquera tipo de filme. Por exemplo, o perfil de persoas usuarias de Twitter non coincide coas películas destinadas ao público infantil. Si que pode ser útil para predicir outras tendencias, como as vendas dun novo trebello. No Reino Unido xa existe unha organización, Tweetminster, que está a analizar as mensaxes de cara ás próximas eleccións xerais británicas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: