Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DE OCEANA

A Xunta recoñece que subvenciona unha empresa implicada na pesca ilegal

Nunha resposta ao colectivo ecoloxista xustifica os catro millóns de euros entregados á familia Vidal, cun longo historial de condenas internacionais.

Redacción - 12:15 21/04/2010
As empresas de Vidal están relacionadas con, polo menos, nove pesqueiros implicados en pesca ilegal

As empresas de Vidal están relacionadas con, polo menos, nove pesqueiros implicados en pesca ilegal

“Atendendo á orde do 12 de febreiro de 2009, reguladora das axudas, non habería ningunha razón para non conceder unha axuda a unha empresa por unha sanción a un buque implicado na actividade de pesca ilegal”. Así responde a Xunta a unha pregunta formulada polo colectivo ecoloxista Oceana, quen cuestionaba a axuda de catro millóns de euros a unha compañía, Biomega Nutrición, que pertence a uns propietarios cun longo historial de condenas internacionais por pesca ilegal.

Antecedentes
Biomega Nutrición obtivo estas subvencións para crear unha nova planta de procesamento de peixe, en concreto, para construír unha fábrica de produción de ácidos graxos Omega 3 de aceite de fígado de peixe. Pertence a Antonio Vidal Suárez e ao seu fillo, Manuel Antonio Vidal Pego, dous armadores que están economicamente ligados a, polo menos, nove pesqueiros implicados en pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (IUU, nas súas siglas en inglés) e sancionados por gobernos de países de todo o mundo, incluído o Estado Español.

Ademais, tres dos pesqueiros vencellados coas compañías de Vidal atópanse na lista negra de pesca IUU da Convención para a Conservación dos Recursos Vivos Mariños (CCAMLR). Con todo, durante os últimos dez anos, recibiron subvencións por valor de case 10 millóns de euros, malia ser pública a súa implicación en actividades de pesca ilegal.

A Xunta mira para outro lado
Oceana solicita á Unión Europea que adopte medidas legais inmediatas contra o goberno español e contra a Xunta de Galiza. Subliña que a nova lexislación existente no Estado Español sobre a pesca ilegal debería prevalecer e evitar os redutos legais empregados pola compañía para facerse acredora destas axudas.

Ademais, recorda que a concesión se fai para unha fábrica que producirá ácidos graxos a partir de aceite de fígado de peixe e ese aceite provén, na súa meirande parte, de especies vulnerábeis de tiburóns en profundidade. Precisamente dous coñecidos pesqueiros IUU pertencentes á rede de empresas de Vidal e incluídos nas listas negras, o Corvus e o Antillas Reefer, foron declarados culpábeis e condenados por pesca ilegal de tiburóns en profundidade en 2008. Ambas as dúas embarcacións son propiedade formal de compañías coa mesma dirección que Biomega Nutrición.

Reclaman que “se acabe xa coa trangallada de financiar continuamente a pesca ilegal co propio Fondo de Pesca da Unión Europea” e piden “artigos específicos dentro da nova regulamentación da Política Pesqueira Común para impedir toda subvención ou axuda estatal a individuos, compañías ou embarcacións de pesca involucrados ou relacionados economicamente coa pesca ilegal”.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: