Un amplo número de colectivos cidadáns participarán nun foro sobre a conservación do medio mariño que farán coincidir coa xuntanza en Vigo dos ministros de Pesca.
"O modelo da Unión Europea esquilma os mares". Recólleo en primeiro plano o cartaz co que unha ampla rede de colectivos sociais convoca para os vindeiros días un foro de reflexión e proposta de ideas que pretende responder ao obxectivo dunha pesca responsábel e da conservación do medio mariño.
A xuntanza da rede cidadá faise coincidir coa reunión que a primeiros de maio cita en Vigo os ministros de Pesca da Unión Europea. "Pensamos que, na alarmante situación actual, cómpre facer visíbeis á sociedade os enormes problemas e a ignorada catástrofe que os sistemas de pesca industrial están causando nos océanos, máis a problematica situación do litoral galego, especialmente nas rías e o sector extractivo", expoñen na súa convocatoria as asociacións.
Participan a plataforma Galiza Non se Vende, Amarante, Altermundo, a Marcha Mundial das Mulleres, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, WWF Adena, Océana e confrarías de pesca, entre outros. Os relatorios comezarán este mesmo martes 27 de abril e rematarán o último día da xuntanza ministerial, o vindeiro 5 de maio. Os colectivos tratarán de facerlle chegar aos ministros un documento coas conclusións do encontro social.