Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA

Queremos Galego denuncia intentos de censura das súas actividades

A Subdelegación do goberno español en Pontevedra abriu un expediente coa proposta dunha multa por realizar unha protesta sen contar con autorización.

Redacción - 11:25 27/04/2010

“Percibimos un aumento de represión e de intentos de censura contra as actividades da plataforma”, di Fran Rei, un dos portavoces de Queremos Galego. Dende que iniciasen as súas actividades en contra do chamado decreto do plurilingüismo, as trabas que están a encontrar para facer públicos os motivos da súa oposición e na recollida de sinaturas en contra estanse a multiplicar día a día.

Primeiro foi a negativa do alcalde de Camariñas a permitir a recollida de sinaturas en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide a retirada do decreto, e agora as accións administrativas que consideran “represivas” sucédense unha tras doutra.

O pasado venres, en Arcade (Soutomaior), negóuselle a uns membros da plataforma o acceso ao multiusos municipal para un acto informativo. En consecuencia, celebrárono na rúa, diante da sede local do Partido Popular ante un nutrido grupo de policías nacionais e gardas civís. “Non se correspondía unha presenza policial tan importante co acto que alí se celebraba”, di Carlos Callón, quen defende que era unha acción totalmente pacífica e sen ánimo criminal ningún.

Multa por defender a nosa cultura
Doutra banda, a subdelegación do goberno español en Pontevedra incoou un expediente cunha proposta de sanción de 500 euros á Queremos Galego, en relación a unha concentración celebrada o pasado 15 de marzo na Praza da Peregrina sen o correspondente permiso. Porén, dende a plataforma explican que a solicitude si foi feita, mais a convocatoria foi de urxencia (ante a inminente aprobación do decreto, previsto para aquela mesma semana), polo que a autorización administrativa chegou xusto despois da protesta (o mesmo día, mais pola tarde).

Pola contra, a autoridade entende que “non había motivos para tal urxencia” e inicia un procedemento sancionador que a plataforma cualifica como “moi estrito”. “Podemos falar de falta de flexibilidade por parte da subdelegación”, di Fran Rei, “a concentración si que estaba notificada, non supuxo ningún prexuízo nin corte de tráfico, porque se celebrou nunha zona peonil e mesmo participaron membros do equipo de goberno de Pontevedra, como o propio alcalde”, explica.

Dende Queremos Galego explican que xa recibiron a notificación da devandita multa, mais en castelán. En consecuencia, “non nos damos por informados e pedimos que nolo comuniquen en galego”, explica Carlos Callón apelando a un dereito recoñecido na Lei de Réxime Xurídico. A maiores, a plataforma lamenta esta actitude por parte da subdelegación de Pontevedra e non descarta que haxa próximas notificacións porque aquel día celebráronse protestas similares noutras cidades da provincia, como Vigo, Vilagarcía, A Estrada ou Lalín. Finalmente Callón chama ao goberno central a reflexionar “Como é posíbel multar aos colectivos sociais por defender a súa cultura?”, pregunta.


Ligazóns

5/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: