Coa vista posta nunha probábel segunda volta, o mércores 5 de maio todos os sectores universitarios están chamados a elixir o magnífico reitor que sucederá a Senén Barro.
Co inicio da campaña electoral, aberta o pasado 20 de abril, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciou o proceso que mudará o seu principal órgano de goberno, o reitorado. As votacións celebraranse o mércores 5 de maio, mais todo apunta a unha máis que probábel segunda volta, en vista do elevado número de aspirantes. De non acadar maioría absoluta ningunha das propostas, as dúas máis votadas concorrerán nesta segunda votación, para a que se estabelecen catro días máis de campaña electoral (do 19 ao 22 de maio) e o 24 como nova data para votar. Neste caso, a proclamación definitiva sería o 4 de xuño.
Presentamos aquí o perfil dos sete aspirantes, de entre os que sairá o sucesor de Senén Barro.
Laura Sánchez Piñón (Bos Aires, 1954). Ex conselleira de Educación co PSdeG, preséntase como independente e por vez primeira, dende o Campus de Lugo. Catedrática de Xenética Animal dende 2001 e profesora da Facultade de Veterinaria (Lugo). É autora de máis de 70 traballos académicos e fundadora nos 90 de Acuigen, un grupo de xenética de peixes que obtivo o recoñecemento de excelencia competitiva. Define a súa proposta como un proxecto "con vocación integradora, de potenciación do talento e que busca o mellor da universidade para entregarllo á sociedade".
Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961). Catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 2005. Licenciado en Xeografía e Historia (premio extraordinario, 1990) e doutor en Historia en Santiago cunha tese sobre a innovación tecnolóxica na agricultura galega contemporánea. Ten publicado máis de 100 traballos de investigación e exerceu como vicerreitor de Relacións Laborais co anterior equipo de goberno en representación da plataforma nacionalista Universidade Aberta (UA), cargo do que dimitiu en marzo do ano pasado. A súa proposta baséase na necesidade de xestionar as capacidades da Universidade e rematar coa “parálise” achacada ao goberno anterior.
Xoán Casares Long (A Coruña, 1950). Catedrático de Enxeñería Química, licenciado e doutor en Química pola Universidade Autónoma de Barcelona e tamén doutro en Enxeñería Química pola Universidade de Salford. A súa carreira docente levouno a dar clases en Vigo, Sevilla, Cantabria ou mesmo Arabia Saudí. Cunha candidatura autocualificada como independente, Casares Long foi o director xeral de Medio Ambiente no anterior goberno do Partido Popular. A súa tarxeta de presentación é "un equipo independente", "proxecto moi universitario" e "moi renovado e renovador".
Mercedes Brea (A Estrada, 1950) Doutora en Filoloxía Románica pola USC dende 1975 e catedrática de Filoloxía Románica dende 1984. Foi vicerreitora de Profesorado entre 1987 e 1988 e de 200 a 2004, decana da súa facultade. É experta en literatura románica medieval e dirixe o grupo de investigación que converteu a Universidade de Santiago nun referente neste campo. A súa candidatura está apoiada pola Plataforma Universitaria Progresista (PUP), colectivo de tendencia socialista que máis veces gobernou a institución na súa historia democrática (con Carlos Pajares, Darío Villanueva e o propio Senén Barro).
Xaime Gómez Márquez (A Coruña, 1957). Catedrático de Biolquímica e Bioloxía Molecular dende 2000 e Decano da Facultade de Química. Experto en bioloxía molecular das timosinas e minisatélites do xenoma humano, formouse en Bioloxía na facultade na que leva máis de sete anos sendo decano, se ben pasou tres de estadía posdoutoral no National Institute of Health de Bethesda, en Maryland (EUA). Aposta por "mudar as formas de gobernar e recuperar a esencia da Universidade: a docencia e a investigación".
Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956). Catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago, formouse nesta mesma facultade e completou estudos en Plymouth (Reino Unido). Prestixiosa investigadora, publicou numerosos traballos sobre o enriquecemento do leite. Inicialmente vencellada á plataforma nacionalista Universidade Aberta (UA) pola súa participación hai oito anos na candidatura de Xosé Manuel Sabucedo, defende un proxecto independente e alleo ás siglas. Defende unha universidade "aberta, dialogante e plural", "coa participación de todos os estamentos, máis implicada na sociedade e coñecida internacionalmente".
Xoán Varela Durán (Santiago de Compostela, 1952). Catedrático de Anatomía Patolóxica, foi o último en dar a coñecer a súa candidatura. Despois de licenciarse en Medicina en Compostela e sendo fillo, neto e bisneto de catedráticos médicos, especializouse na Clínica Puerta de Hierro e en Friburgo (Alemaña), a Universidade de Minnesota e o Instituto de Patoloxía de Washington. A súa proposta está apoiada pola plataforma docente Converxencia Universitaria, de corte conservador. Promete "diálogo, consenso e pactar solucións para dar resposta aos problemas que ten a Universidade".
Podes escoitar aquí (en vídeo) as principais propostas de todos os aspirantes: