Chegan a un refuxio de especies protexidas e a unha zona de cultivos pesqueiros as primeiras manchas dun gran vertido de petróleo no Golfo de México.
Barreiras flotantes foron despregadas para tentar manter o vertido lonxe dos ecosistemas das marismas
As primeiras manchas dun gran vertido de petróleo no Golfo de México chegaron nas primeiras horas deste venres a un refuxio de especies protexidas e unha zona de cultivos pesqueiros na costa de Louisiana (EUA), no que podería ser o peor desastre ecolóxico na historia do país.
Segundo informan os medios locais, miles de barreiras flotantes foron despregadas na costa nun intento desesperado por manter o peor do vertido lonxe dos vulnerábeis ecosistemas das marismas. O presidente estadounidense, Barack Obama, prometeu "usar todos os recursos dispoñíbeis" para conter a marea negra.
A fuga de cru, procedente dunha filtración nun pozo submarino, calcúlase nuns cinco mil barrís ao día (uns 955 mil litros), segundo a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica -cinco veces máis cantidade do que se pensaba inicialmente.
O accidente, que ocorreu a semana pasada cando unha plataforma de perforación arrendada por BP estoupou e afundiu causándolle a morte a 11 operarios, ten consecuencias nas propostas de Obama para emitir novos permisos de perforación nas costas, algunhas xa no Congreso.
Diversidade biolóxica
A costa do Golfo e as súas marismas son o fogar de numerosas especies de animais, como manatís, tartarugas mariñas, golfiños, baleas, marsopas ou pelicanos. Ademais, é unha das zonas de pesca máis ricas do mundo, sobre todo en marisco, cunha industria valorada en 1.800 millóns de dólares, e tamén zona de paso para millóns de aves migratorias.
Máis información