Milleiros de persoas móvense contra a criminalización dos inmigrantes. No outro estremo, un congresista mesmo pide deportar os fillos dos 'sen papeis'.
Arredor do Día Internacional do Traballador, a amplísima comunidade inmigrante dos Estados Unidos ten esta fin de semana cita especial para a reivindicación. Ao largo de todo aquel país, até 70 cidades, desde a beira atlántica de Nova York até a do Pacífico en Los Angeles, hai convocadas protestas de xeito concreto contra a lei de inmigración de Arizona e de forma máis ampla contra o que se considera que é un acelerado crecemento da criminalización da inmigración nos EUA.
Un movemento cuxa faísca acendeu a recente promulgación por parte da gobernadora de Arizona dunha lexislación que converte na práctica en delincuente a calquera persoa sen documentos, permitíndolle á policía realizar detencións baixo o arbitraria concepto de "sospeita razoábel" diante de presuntos inmigrantes ilegais. Jan Brewer, a gobernadora membro do Partido Republicano protagonista da polémica norma defende que esta lei "resolve un problema que o goberno federal se negou a resolver". Unha decisión que coincide cun aumento da belixerancia desde os sectores máis ultraconservadores do Partido Republicano cara á comunidade inmigrante nos EUA. Un dos exemplos, a reclamación do congresista Duncan Hunter de que os cativos que acaben de nacer e sexan fillos de inmigrantes sen regularizar sexan deportados, malia que a propia Constitución garante a nacionalidade dos nados en territorio dos EUA.
De momento, Obama cualificou a norma de Arizona de ferramenta "mal encamiñada". Nas mobilizacións desta fin de semana esixiranlle ao seu executivo un posicionamento máis contundente diante do problema.
Para ampliar: