O candidato de Alternativa Universitaria sumou o 52,6% dos votos, fronte á opción de Xaime Cabeza (Nova Universidade), que colleitou o 47,4%.
Moi axustado. Así foi o resultado das eleccións da Universidade de Vigo nunha xornada na que tamén houbo un descenso na participación. O catedrático de Zooloxía, Salustiano Mato, referendou a hexemonía de Alternativa Universitaria no reitorado vigués e converteuse no quinto reitor da Universidade de Vigo. Obtivo o 52,6% dos votos ponderados, fronte ao 47,4% que sumou o seu opositor, Xaime Cabeza, por Nova Universidade.
Os comicios pecháronse coa participación máis baixa dos últimos anos en todos os sectores con dereito a voto, mais a diferencia entre ambos os dous candidatos foi das máis cortas da última década. Unha vez contabilizados e ponderados os votos, Alternativa seguirá gobernando nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra catro anos máis, que se veñen sumar aos reitorados de Domingo Docampo, que ostentou o cargo oito anos, e Alberto Gago (outros catro). En votos reais a diferencia foi de 117 papeletas: os profesores doutores (os que máis peso teñen no voto ponderado), o persoal docente e os estudantes apoiaron a Mato, mentres que Cabeza obtivo o respaldo maioritario entre os traballadores da administración e servizos.
O candidato de Nova Universidade xa adiantaba en Vieiros que apoiaría ao seu contrincante de ser o gañador, e así o referendou na xornada electoral cunha emotiva felicitación. Pola súa parte, Mato amosouse “encantado e agradecido” e adiantou que “chegou a hora de poñerse a traballar na consecución dos obxectivos marcados para os próximos catro anos”.