Manuel Vázquez acusou ao PPdeG de “non ter recambios” nin “banquiño” e vaticinoulles unha nova derrota nas grandes cidades.
“Esas grandes figuras que presentan como candidatos emerxentes son todos os que perderon a última vez, e agora van a perder aínda por máis”. Así valorou o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, os candidatos que este sábado fixo oficiais o PPdeG para concorrer ás vindeiras eleccións municipais.
O socialista adiantou que o seu partido “está tranquilo” ao respecto dos próximos comicios de 2011 e definiu os candidatos populares situándoos en dous grandes grupos: “os imputados” e “os elementos clave no transfuguismo” e “os que non pintan nada”. No primeiro enmarcou aos aspirantes á alcaldía de Vigo (Corina Porro), Pontevedra (Telmo Martín) e A Coruña (Carlos Negreira).
Na beira do transfuguismo e “caciquismo” situou ao candidato de Ourense, Rosendo Luís Fernández, a quen cualificou de “indutor do ex-socialista Eladio Fernández” e, finalmente, de Xaime Castiñeira (candidato por Lugo), dixo que é “dos que non pintan absolutamente nada”. En contraposición, subliñou que o PSdeG “ten os líderes máis valorados e goberna nas grandes cidades” e adiantou que o seu partido vai a “consolidar un novo escenario”.
Sobre os seus obxectivos nos vindeiros comicios, Vázquez apuntou as deputacións de Pontevedra e Ourense. Da primeira asegurou que “se se confirman as enquisas haberá foto finish para ver quen vai ser o presidente” e da segunda tamén adiantou “un resultado axustado”.