A deputada socialista Marisol Soneira asegura que a Xunta xa “apalabrou” subvencións antes de convocar os concursos.
Marisol Soneira
A Consellaría do Mar reparte fondos públicos entre asociacións profesionais de pescadores segundo a afinidade co poder que teñan estas. Con outras palabras, isto é o que veu dicir este martes a deputada socialista Marisol Soneira no Parlamento. A razón destas acusacións ten que ver con supostas promesas de subvencións antes de que estas estean resoltas.
A polémica xorde porque, presuntamente, o departamento que dirixe Rosa Quintana tería apalabrada unha subvención de 300 mil euros coa confraría de Rianxo, aínda que o concurso non se celebrou. O proxecto buscaría a recuperación de zonas improdutivas e o prazo de solitudes aínda está aberto até o 7 de xuño. Para Soneira, que pide explicacións da conselleira, este exemplo demostra que non todas as confrarías son iguais e que “algunhas son máis iguais que outras”.