O secretario xeral do PSdeG, 'Pachi' Vázquez, arremete contra o PPdeG e abre a caixa dos tronos afirmando que a provincia é "o lugar onde todo se mestura".
No medio dunha lea política moi intensa entre socialistas e populares que se acusan mutuamente de corruptelas varias, o líder do PSdeG empregouse a fondo este mércores. Así, apuntando directamente ao PPdeG, Vázquez asegurou diante dos medios que esta provincia é “o lugar onde todo se mestura: corrupción, narcotráfico e cargos políticos”. Por se fose pouco o do Carballiño dixo que “parece que hai unha gran nebulosa, pero os actores son sempre os mesmos” en referencia a escándalos nos que están metidos de cheo membros da formación conservadora.
O xefe de filas socialistas lembrou o escándalo de corrupción urbanística en Gondomar que está nos tribunais, os contratos da Deputación de Pontevedra con empresas da muller de Francisco Correa (cerebro da trama Gúrtel) ou o caso do xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, Evaristo Juncal, que tería feito negocios coas mafias de narcos que operan nas Rías Baixas.
Vázquez pon os focos sobre un gravísimo caso denunciado esta fin de semana polo xornal El País e que apenas tivo repercusión no resto da prensa. A edición galega deste xornal publicou unha estensa reportaxe na que se sinala que Evaristo Juncal, presidente do PP de Caldas de Reis, vendeu empresas a testaferros de coñecidos narcotraficantes.
Non é a primeira vez que narcotráfico e política protagonizan a polémica
Non é a primeira vez que o PSdeG fai fincapé na relación dalgúns cargos populares pontevedresas co escuro mundo do tráfico de drogas. En 1990, coincidindo coa 'Operación Nécora' posta en marcha por Baltasar Garzón, os socialistas non deixaron pasar a oportunidade de mostrar a estreita relación de detidos co PP. Naquel momento saltaron nomes como o de Vicente Otero 'Terito', considerado o gran patriarca do contrabando de tabaco e que era un destacado militante conservador con grandes amizades nas altas esferas do partido.
Outros caso sonado foi o de Pablo Vioque, avogado de pesos pesados do narcotráfico que acabou involucrado no negocio. Home forte de Alianza Popular na comarca de Arousa, avanzada a década dos 90 acabou moi enfrontado ao partido logo de intensas guerras internas.
Un dos últimos escándalos de política e contrabadismo protagonizouno 'Nené' Barral, alcalde de Ribadumia e padriño político do actual presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. O rexedor 'popular' foi detido acusado de contrabando de tabaco en 2001, asunto polo que aínda está pendente de xuízo.
O xornalista Perfecto Conde no seu espléndido libro 'La conexión gallega, del tabaco a la cocaína' (1991) explicou coma ninguén o escuro mundo do narcotráfico e as súas conexións co poder. Ilustrativo é tamén o recente post do xornalista Manuel Jabois: As patas machacadas da Nécora.