Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito nos Balcáns

Xestos para a esperanza en Bosnia-Herzegovina

A comunidade islámica agradece ás autoridades da República Srpska a súa axuda na reconstrución da mesquita de Ferhadija, destruída polos serbios durante a guerra.

Redacción - 09:30 12/06/2010
Obras de reconstrución da mesquita

Obras de reconstrución da mesquita

O líder da Comunidade Islámica de Bosnia, Mustafa Ceric, sinalou esta semana en Banja Luka, a vila máis grande na rexión serbobosnia, que a actitude do goberno, particularmente na achega de máis de 600 mil euros para a reconstrución da mesquita de Ferhadija, do S.XVI, é un sinal de que "son chegados mellores tempos", informan os medios locais.

Ceric fixo estas declaracións logo de manter unha xuntanza co primeiro ministro serbobosnio, Milorad Dodik no lugar do templo, destruído polos serbios canda o resto de mesquitas da cidade durante a guerra e que até daquelas contaba cunha protección especial por parte da Unesco. Ademais, os arredor de 30 mil musulmáns de Banja Luka foron expulsados.

Inicialmente, a intención da Comunidade Islámica Bosnia de a reconstruír topou cunha forte oposición por parte dos serbobosnios. De feito, a cerimonia de colocación da primeira pedra provocou revoltas co resultado dunha persoa morta. Non así da banda das autoridades, que ofreceron amparo ao proxecto desde o primeiro momento.

"Encontrámonos hoxe aquí sen obstáculos, non hai máis violencia e o logrado xuntos é un grande éxito da tolerancia en Bosnia-Herzegovina", afirmou Dodik. "Ferhadija é un importante símbolo relixioso e cultural desta cidade, dos bosníacos (bosnios musulmáns) e de todo o resto da xente que vive aquí", engadiu, segundo recolle Balkan Insight.

Pola súa banda, o ministro serbobosnio de Educación e Cultura, Anton Kasipovic, dixo que os musulmáns deberían sentirse ben en Banja Luka porque "esta tamén é a vosa cidade". "Oxalá non cumprise falar hoxe sobre Ferhadija, porque de termos sido xente civilizada non a teriamos destruído e non habería necesidade de a reconstruír", afirmou. E engadiu: "Para min é máis que unha mesquita, é parte da miña nenez e mocidade".

Os Acordos de Paz de Dayton, que lle puxeron fin a Guerra de Bosnia (1992-95), estabeleceron unha división do país en dúas entidades autónomas, a República Srpska (de maioría serbia) e a Federación de Bosnia-Herzegovina (de maioría croata e bosníaca). As dúas rexións están unidas por cativas ligazóns a nivel estatal e contan con cadanseu parlamento, goberno e presidente.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: